Este “Espazo para a Igualdade” nace co obxectivo de achegar información e recursos actualizados permanentemente en materia de igualdade e feminismo.
Deste xeito dase cumprimento á medida 1.4 do III Plan Municipal de Igualdade que recolle “difundir os programas, servizos e recursos municipais sobre información, asesoramento e asistencia a mulleres”.
Mañá xoves, 21 de marzo, ás 19.30 h, na Sala Félix Rodríguez, haberá un encontro coa escritora Inma López, no que presentará o seu libro “Escola de Mulleres”. Este acto pecha a programación do 8M, Día Internacional da Muller, deste 2024.
Exitoso balance do networking “Mulleres Conectadas” celebrado o pasado venres na aula da UNED de Tui no que participaron preto de 70 mulleres de Galicia e Portugal. Esta actividade formou parte da programación do 8M, Día Internacional da Muller, ampliando este ano o seu ámbito á Eurocidade Tui-Valença.
Foi unha mañá de aprendizaxe e coñecemento a través de encontros, de intercambio de experiencias, de iniciativas postas en común e de historias doutras mulleres cuxos proxectos de vida ou empresariais serviron de inspiración para as asistentes.
A futbolista galega Paula Dapena estará mañá en Tui para participar nunha nova actividade do programa organizado polo Concello de Tui con motivo do Día Internacional da Muller. Mañá xoves, ás 20 h na Sala Félix Rodríguez haberá un encontro coa deportista baixo o título de “A futbolista galega que se negou a gardar un minuto de silencio por Diego Armando Maradona”.
Mañá venres, 8 de marzo, o Concello de Tui celebrará o acto conmemorativo do Día Internacional da Muller ás 18.30 h no edificio da praza da Inmaculada.
O programa previsto comezará coa actuación da recoñecida arpista directora do CRA Mestra Clara Torres, Marta Quintana, para dar paso á acción artística “Deshabitada” a cargo da actriz Nerea Brey e a videocreadora Miriam Rodríguez. Trátase dunha proposta teatral sobre os coidados, e sobre como o feito de que estes acaben recaendo exclusivamente na muller supón unha forma máis de machismo, da que non sempre somos conscientes.
O próximo venres, 15 de marzo, celebrarase a terceira edición do Networking Mulleres Conectadas, que forma parte da programación organizada polo Concello con motivo do 8M, o Día Internacional da Muller. Este evento terá este ano carácter internacional ao abrirse a participación a mulleres tanto de España coma de Portugal a través da Eurocidade Tui-Valença. O obxectivo do networking é brindar un espazo de encontro entre mulleres empresarias, emprendedoras e directivas para crear oportunidades de negocio e exitosas colaboracións.
El cielo de los imperfectos é o título da primeira novela de Belén Varela. Mañá xoves, 7 de marzo, ás 19.30 h na Sala Félix Rodríguez, dentro da programación do 8M terá lugar un encontro coa escritora que presentará o seu libro.
“Contra o negacionismo máis feminismo" é o lema do programa co que este ano o Concello de Tui conmemora o 8M, Día Internacional da Muller.