Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Aberto o prazo de inscrición no programa Coidando-Me dirixido a coidadores familiares de persoas dependentes

21/12/2021

Impartirase os xoves pola mañá durante doce semanas. 

Está aberto o prazo de inscrición para o programa psicoeducativo “Coidando-Me” dirixido a coidadores familiares de persoas dependentes que comezará proximamente. Organizado polo Concello de Tui e impartido por AFAGA ten por obxectivo informar e formar sobre diferentes patoloxías que xeran dependencia e estratexias prácticas para o coidado, ao tempo que busca fomentar e propor aspectos de autocoidado e orientar aos participantes sobre recursos sociais e de apoio para as situacións de dependencia.

Ao longo de 12 sesións, que se impartirán os xoves de 10.30 h a 12 h, os participantes terán acceso a formación e información da man dunha psicóloga, unha enfermeira, un fisioterapeuta, unha traballadora social e un avogado.  Trátase de “coidar aos que están coidando” aportándolles ferramentas  ou técnicas de mobilización, que coñezan os recursos ao seu dispor, brindándolles pautas de control de estrés ou de como enfrontarse a unha demencia.  

O Concello de Tui realizou xa este programa en 2019, pero en 2020 debido á pandemia non se puido levar a cabo. Retoma agora a súa celebración nun momento “de maior necesidade polas consecuencias nos coidadores familiares da actual situación pandemia” segundo explica o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz.  Un programa que cualificaba de “moi interesante para guialos, apoialos e coidalos coma di o nome desta actividade”.

Ofértanse quince prazas. A inscrición está aberta no departamento de Servizos Sociais do Concello de Tui no 986 60 36 25 ext 54 ou no 607 194 175. O impreso de solicitude pode descargarse da web municipal www.tui.gal.

 Solicitude programa Cuidando-Me