Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Víctor Coyote, Pablo Novoa e Pancho Álvarez xuntos en “Cantares dun fuxido”

29/05/2026

Será un concerto baseado na figura do Siñor Afranio, Antón Alonso Ríos, este domingo ás 20 h no Espazo Sociocultural. Pola mañá no Mercado de San Antonio “O Túnel do Viño. Percorrido do Siñor Afranio”

“Cantares dun fuxido” é o concerto que pecha as Xornadas Siñor Afranio que se celebran estes días en Tui. Trátase dunha proposta musical con Víctor Coyote, Pablo Novoa e Pancho Álvarez que profunda na figura e na vida do Señor Afranio, Antón Alonso Ríos. A entrada é libre.

O concerto combina a narrativa oral e as cancións populares dos lugares polos que pasou Alonso Ríos cando fuxiu do fascismo tralo estoupido da Guerra Civil Española. Fíxoo facéndose pasar por mendigo, e nesa historia mergúllanse Víctor Coyote, Pablo Novoa e Pancho Álvarez, nun proxecto musical que ten xa identidade propia. 

Haberá amais pezas musicais pertencentes á película “Afranio”, proxectada tamén nestas xornadas, e temas compostos por Víctor Coyote sobre feitos e situacións que marcaron a vida de Alonso Ríos. 

O estilo musical navega entre as sonoridades da tradición musical galega, o folk e os novos ritmos, con instrumentos como pandeiros de plena ou violas caipira, que pertencen a outros ámbitos musicais. 

Con este concerto ponse fin ás Xornadas Señor Afranio, coas que o Concello de Tui mantén o seu compromiso coa memoria histórica, a través de actividades multidisciplinares.

O Túnel do Viño. Percorrido do Siñor Afranio

Previamente o domingo pola mañá o Mercado de San Antonio acollerá o “Túnel do viño. Percorrido do siñor Afranio”. Esta actividade realizará un percorrido polos viños dos lugares polos que fuxiu Antón Alonso Ríos. Así a sumiller Marina Cruces conducirá a cata polos viños do Rosal e do Condado; o viticulor Antonio Míguez Amil serán quen guíe ás persoas participantes polos viños do ribeiro, e por último o enólogo tudense Manuel Areal achegará ás persoas asistentes ás características dos viños de Portugal.  Haberá catro quendas, cun máximo de 20 prazas por quenda, ás 11.30 h, 12.00h, 12.30 h, e 13.30 h. A participación é gratuíta pero é preciso inscrición previa na Biblioteca Municipal ou no correo biblioteca@tui.gal, indicando a quenda elixida.