Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Valoración positiva da evolución do desemprego en Tui con 7 meses consecutivos de descenso

6/10/2021

Dende comezos de ano 50 persoas usuarias da Bolsa Municipal de Emprego incorporáronse ao Mercado Laboral

A concellería de Emprego e Formación do Concello de Tui realiza unha valoración positiva da evolución dos datos de desemprego no municipio no mes de setembro, no que se rexistraron 33 persoas menos en situación de desemprego, sendo 1.067 as persoas inscritas nos Servizos Públicos de Emprego.  Tui suma sete meses consecutivos con baixada nas cifras de paro, pasando de 1.301 persoas desempregadas en marzo a 1.067 no mes de setembro.

Dende o Concello de Tui, a través da concellería de Emprego e Formación, amósase o compromiso municipal coa busca activa de emprego en estreita colaboración co tecido empresarial tudense.

Dende este departamento municipal incídese amais nos datos tamén positivos do Servizo Municipal de Orientación e Intermediación Laboral, destacando que dende o mes de xaneiro 50 persoas usuarias da Bolsa Municipal de Emprego accederon ao mercado laboral. So nos dous últimos meses 16 persoas – 9 en setembro e 7 en agosto - usuarias deste servizo atoparon traballo.

Ao longo do ano son distintas as accións que  desenvolve este departamento dende o contacto co tecido empresarial local para coñecer as necesidades que ten en materia de emprego, para deste xeito intermediar coas persoas usuarias da bolsa de emprego que cumpren cos requisitos, ou para programar accións formativas en función da demanda real existente no mercado laboral máis cercano.  Na emisora municipal púxose en marcha un Club de Emprego no que teñen intervido empresarios e empresarias tudenses que teñen exposto as características laborais das demandas que presentan, ou coma emprenderon o seu negocio. Tamén a formación ten presenza destacada centrada na orientación cara ao emprego.

Nas próximas semanas comezará na cidade o obradoiro dual de emprego Revaloriza Tui 2021 concedido pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia ao Concello de Tui cunha subvención de 346.946 euros, no que 20 alumnos-traballadores e alumnas-traballadoras se formarán nas especialidades de canteiría e carpinteiría, e 5 persoas formarán o persoal docente e directivo do mesmo durante 9 meses.