Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Valença e Tui celebran conxuntamente as Xornadas Europeas de Patrimonio

21/09/2011

A Cámara Municipal de Valença do Minho e o Concello de Tui teñen acordado a elaboración dun programa conxunto para a celebración en ambas cidades das Xornadas Europeas de Patrimonio, que discorrerán en Valença este venres 23 de setembro e na cidade tudense na seguinte fin de semana, concretamente o domingo 2 de outubro. Ambos municipios que formalizaran axiña o seu acordo para se converter en “Eurocidade” continúan neste ano esta celebración conxunta, nunha iniciativa pioneira que ten suscitado grande interese.

 

Dende o ano 1991 desenvólvese a celebración destas xornadas en 50 países do vello continente europeo. Estas Xornadas Europeas de Patrimonio foron ideadas en Granada en 1985 no decurso da 2ª Conferencia Europea de Ministros responsables do patrimonio cultural, tras a suxestión do Ministro de cultura francés que propuxo estender a experiencia de portas abertas nos monumentos que se celebraba en Francia anualmente. Dende aquela numerosos países se teñen sumado a esta iniciativa que en 1991 foi instituída oficialmente polo Consello de Europa e dende 1999 converteuse nunha acción conxunta coa Unión Europea.

 

O Concello de Tui celebra por quinto ano consecutivo esta iniciativa que tenta poñer en valor o patrimonio cultural da nosa cidade inseríndoa nas iniciativas que ao respecto existen por Europa adiante. Cómpre subliñar que o Concello de Tui é a única institución en Galicia que participa nesta Xornada, que coordina en España o Ministerio de Cultura.

 

O programa previsto é o seguinte:

 

Valença, “Patrimonio e paisagem urbana”: venres 23 de setembro

Percurso guiado ao núcleo medieval intra-muros

O percurso será orientado polo historiador valenciano Major Pereira de Castro e o punto de partida está programado no edificio da antiga Alfandega, às 21,30 h. de Portugal. Unha viaxe que percorrerá as Portas Afonsinas da Gaviarra, a intervención arqueolóxica no Pozo Comunitário, o Torreón Quadrangular, a Igrexa Matriz coa descoberta dos frescos seiscentistas restaurados, as casas medievais – Morada Rexia, Casa dos Cadaval e Casa do Eirado, a antiga Rua do Castelo e a prospección arqueolóxica na Escadaria Romana e nas Portas Afonsinas do Azogue. Ao longo de percorrido haberá animación de época e rematará co concerto “Raízes Ibéricas” a cargo de  Vox Angelis sobre as 22h30, no Baluarte de São João, cun concerto de música medieval erudita. No final está programada unha proba de docería conventual do antigo Convento do Bom Jesús de Valença.

 

Tui, “Arqueoloxía e paisaxe”, domingo 1 de outubro

Senda Tui – Caldelas

No caso tudense dará comezo na Ponte da Veiga ás 10,30 horas da mañá esta visita guiada pola senda peonil que une Tui con Caldelas polas ribeiras do río Miño. Ao longo dos percorrido poderán os participantes achegarse a diversos elementos patrimoniais: a ponte medieval da Veiga do Louro, os gravados rupestres de “As Ráns” en Paramos, o posto de carabineiros, a lagoa e a Torre Vella de Caldelas rematando cunha visita ao Balneario de Caldelas.

 

Os participantes deste percorrido poderán comprobar o traballo realizado polo obradoiro de emprego “Ambiental Tui” na recuperación desta senda que forma parte do seu proxecto de creación dun roteiro de sendeirismo de 18 quilómetros polo municipio tudense.

 

A Concellería de Cultura tudense informa que o Concello de Tui ofrece aos asistentes a posibilidade de regresar en autobús dende Caldelas, para o que cómpre realizar unha reserva de praza a través do correo electrónico museo@concellotui.org ou persoalmente na Biblioteca Municipal tudense.

 

Para a concelleira de Cultura tudense, Vanesa Rodríguez Pereira, esta actividade conxunta amosa o bo ritmo de traballo que vai acadando a cooperación cultural entre ambos municipios miñotos que se enmarca axeitadamente nos obxectivos das Xornadas Europeas de Patrimonio, fomentando a valorización do ricaz patrimonio común e “transcendendo as fronteiras nacionais reforzar o sentimento europeo de compartir unha mesma identidade”.

 

Cartel (.jpg)