Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Unha praca lembra a figura do doutor Darío Álvarez Blázquez no centenario do seu nacemento.

28/10/2010

UNHA PRACA LEMBRA A FIGURA DO DOUTOR DARÍO ÁLVAREZ BLÁZQUEZ NO CENTENARIO DO SEU NACEMENTO

Mércores, 27 de outubro de 2010. Onte, martes 26 de outubro, ás 19,00 horas tivo lugar na rúa San Telmo, no conxunto histórico de Tui, o acto de descubrimento dunha placa conmemorativa en lembranza do doutor D. Darío Álvarez Blázquez de quen o pasado 30 de setembro cumpriuse o centenario do seu nacemento. A placa está situada na casa que foi a súa residencia ao longo de moitos anos e onde tivo instalada a súa consulta dende 1934 a 1942.



No acto tomou a palabra o seu fillo Darío Álvarez Gándara que evocou as lembranza que para a súa familia tiña aquel edificio, a quen dedicou a súa intervención. De seguido o Alcalde de Tui, Antonio F. Fernández Rocha, pronunciou unhas palabras nas que sinalou  que “personalidades como a de D. Darío nos enriquecen coa exemplaridade da súa conduta, coa súa permanente lección de humanidade, de compromiso coa súa terra e as súas xentes... hoxe deixamos con esta placa testemuña permanente da nosa admiración e alta consideración”.

Asistiron a este acto concelleiros dos diversos grupos municipais, familiares e amigos do homenaxeado e personalidades diversas con o Presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, Alfonso Paz-Andrade, etc.

De seguido no salón de actos do antigo convento de San Domingos houbo unha mesa redonda arredor da figura de D. Darío Álvarez Blázquez na que participaron o seu fillo Alfonso Álvarez Gándara, o seu sobriño Xosé María Álvarez Cáccamo e Alberto Estévez Piña. Escusou a súa asistencia o cronista oficial da cidade de Tui, Ernesto Iglesias Almeida, que deixou un escrito que foi lido polo moderador da mesa así como outras adhesións a esta homenaxe.

Para o concelleiro de cultura tudense con este acto de onte o Concello de Tui realizou un acto de xustiza ao lembrar a tan egrexio fillo desta cidade e que suscitou en todos cantos o trataron o seu recoñecemento e gratitude. Moisés Rodríguez agradece a participación de numerosos tudenses que quixeron sumarse a este acto testemuñando a lembranza que da súa personalidade perdura entre os veciños de Tui. Gratitude que exprésalle ao propietario actual da vivenda pola súa colaboración e, de xeito, especial á familia Álvarez nas súas diversas pólas que colaboraron con este Concello no desenvolvemento dos actos.