Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Un total de 286 escolares visitaron a exposición "Galicia, conservando a natureza"

15/03/2007

UN TOTAL 286 ESCOLARES VISITARON A EXPOSICIÓN “GALICIA CONSERVANDO A NATUREZA”

Un total de 286 escolares de ensino primario do concello de Tui participaron nas visitas guiadas da exposición “Galicia, conservando a Natureza” que do martes 6 ao venres 9 de marzo estivo na Sala Municipal de Exposicións do Concello tudense.

Os escolares procedían dos Centros de Educación Primaria nº 1 e nº 2 de Tui así como do CEIP de Pazos de Reis e realizaron unha visita dirixida por unha educadora ambiental a esta mostra itinerante que achegaba aos visitantes ás principais características dos espazos naturais protexidos de Galicia e a súa biodiversidade, amais de mostrar a flora e a fauna de cada unha destas áreas protexidas. Entre estes espazos protexidos figuraba tamén o Parque Natural do Monte Aloia, ubicado no noso concello.

Esta exposición da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia, pretendía que todos os galegos e galegas, e máis especialmente, os habitantes dos espazos naturais protexidos, coñeceran os principais valores ambientais e patrimoniais que fixeron merecedores da protección aos diferentes espazos naturais.

Pero tamén, esta exposición tenta sensibilizarnos a todos da importancia que teñen os espazos naturais protexidos para a conservación da nosa biodiversidade, un patrimonio único e irrepetible, que temos a obriga de preservar para as xeracións futuras.

Para o concelleiro de Cultura do Concello de Tui a presenza desta exposición suscitou grande interese nos centros educativos pois o horario de visitas guiadas quedou completo, xa que a mostra incide nun aspecto de relevancia para educación dos nosos rapaces. Para o Concello de Tui, segundo o concelleiro Moisés Rodríguez Pérez, é unha satisfacción a acollida desta exposición que evidencia o acerto de solicitar a súa presenza na nosa cidade.