Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Un neno saharauí pasará o verán en Tui nunha familia de acollida

8/08/2022

O alcalde recibiu no concello ao cativo que chega á cidade no marco  do programa Vacacións en Paz de SOGAPS

Un neno saharauí de 8 anos, Yusef Abderrahman,  pasará o verán en Tui no seo dunha familia de acollida. Grazas ao programa Vacacións en Paz que organiza Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, SOGAPS, este cativo pasará os meses estivais na cidade.

O  alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, recibiu na casa do concello ao neno e a súa familia de acollida.  O rexedor tudense deu a benvida ao cativo e  o obsequiou cunha mochila, material escolar e unha pelota. Enrique Cabaleiro amosou o seu agradecemento á familia de acollida recoñecendo o inmenso labor social das familias que deciden compartir o verán coas cativas e cativos saharauís permitindo que vivan unha experiencia única que, sen dúbida, será enriquecedora para as dúas partes.

Engadía Enrique Cabaleiro que "a veciñanza de Tui é, e sempre foi, sensible e solidaria co pobo saharauí e hai que recoñecer o impagable labor das familias que, dando exemplo de cariño e xenerosidade comparten o seu tempo e os seus recursos cos nenos e nenas saharauís".

O Concello de Tui apoia e financia, cada ano, a iniciativa da asociación SOGAPS que fai posible este intercambio de vital importancia para os mais cativos do pobo saharauí.