Tui será referente esta fin de semana na recuperación das nosas tradicións e música
Tui converterase esta fin de semana nun referente na recuperación das nosas tradicións, a música, a danza e a etnografía coa celebración do VI Festival da Cultura Tradicional e Folk, organizado pola Asociación San Telmo co apoio do Concello de Tui.
Unha exposición, un concurso e diversos concertos forman parte da programación a desenvolver este venres, sábado e domingo. Tres serán os escenarios: o Espazo Sociocultural, a praza de San Fernando e o Paseo da Corredoira.
O programa do VI Festival da Cultura Tradicional e Folk abrirase este venres, 3 de xullo, ás 20 h coa inauguración da exposición “Abrindo as huchas da bisbarra de Tui”. Será unha ocasión única para admirar as distintas pezas da vestimenta tradicional da zona grazas ao traballo de recollida realizado pola Asociación San Telmo. O propio título da exposición alude de forma simbólica a ese labor de recuperación buscando en huchas pezas antigas, para así poder preservar esta parte do noso patrimonio vinculado á vestimenta. Algunhas das pezas foron cedidas para formar parte desta mostra. Gran parte delas son do século XIX. A mostra poderá visitarse ao longo de toda a fin de semana en horario de 10 h a 14 h e de 17 h a 22 h no Espazo Sociocultural na rúa Camilo José Cela.
Tras a inauguración terá lugar o concerto didáctico “O traxe cantado” no que Luís Prego, músico, estudoso e investigador, fará un percorrido musical a través das prendas de vestir do traxe tradicional galego presentes en cantigas e coplas. Neste caso a tradición oral atesoura tamén referencias ás costureiras, aos tecidos, ás prendas de vestir e complementos,… Tamén serán interpretadas composicións que falan do traballo do liño e da lá, da malla, a sega, a esfollada, …
Nesta xornada inaugural estará tamén presente a gastronomía tradicional a través dos boleardos, unha sobremesa típica de Tui que a Asociación Cultural San Telmo foi quen de recuperar no ano 2014 grazas á colaboración de persoas maiores. Na receita, que se garda coma ouro en pano, destaca o uso da fariña de millo pego e de trigo callobre.
Xa o sábado, ás 21.30 h, a praza de San Fernando acollerá o XI Certame de Gaita e Tamboril de Tui no que participarán intérpretes de toda Galicia. Dende hai máis dunha década, a Asociación San Telmo, recuperou este evento que se celebraba na cidade até a década dos anos 50.
A continuación o público poderá desfrutar co concerto “Xisco Sinfónico”, o novo proxecto do cantante de música tradicional Xisco Feijóo. É unha creación contemporánea de raíz, na que a súa voz e a linguaxe da tradición dialogan cunha orquestra sinfónica. O repertorio inclúe música inédita composta especificamente para o proxecto e incorpora tamén temas do seu disco Peixe, adaptados a esta nova arquitectura sonora. Conflúen no mesmo o talento de Xisco Feijoo e de Juan Eiras articulando o encontro entre a terra — voz, gaita, acordeón e percusións tradicionais — e o universo sinfónico — orquestra de cordas—. Participarán neste concerto a Orquestra Sinfónica de Valga e o grupo de pandereteiras Sadeo.
Xa por último o domingo, ás 20.30 h no Paseo da Corredoira celebrarase o XI Día da Muiñeira coa participación de quince agrupacións – máis de 350 persoas - que bailarán conxuntamente dúas muiñeiras e dúas xotas. Van participar os grupos O Mosteiro, de Pexegueiro-Tui; Ondiñas do Mendo, de Salvaterra; Seixos Albos, de Areas,Tui; Airiños do Coto, de Peinador, Vigo; Saragana da Asociación do Traxe de Tui, de Tui; Peña Xuntanza, de Coia, de Vigo; Agrupación Cultural Xunco, de Salceda; Flores do Galiñeiro, de Vincios, de Gondomar; Páis de San Roque, de Cangas; Nosa Terra de Pereiras, do Porriño; Andarela, de Vigo; Carballo das Cen Polas, de Redondela; Ecos e Agarimos, de Peitieiros, de Gondomar; Trompos os Pes, de Marín; e Alfándega da Asociación Cultural San Telmo, de Tui. Previamente todas as agrupacións farán un pasarrúas polo centro urbano até a Corredoira.
Tui abre co VI Festival da Cultura Tradicional e Folk a súa programación cultural de Verán na rúa 2026.





