Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui será esta fin de semana capital do balonmán galego

26/03/2026

No pavillón Gustavo Rodríguez xogarase a Final a 4 Xuvenil Feminina e Masculina de Balonmán

Tui converterase esta fin de semana na capital galega do balonmán ao xogarse na cidade a Final a 4 na categoría xuvenil feminina e masculina de balonmán. O Pavillón Deportivo Municipal Gustavo Rodríguez  será o escenario dos encontros nos que o SAR Rodavigo, o Balonmano Porriño, o Escayolas Miguel Santos BM Cangas e Tecnelsa Asmubal Meaño na categoría feminina, e o Club Cisne Colegio Los Sauces, o Socaire Arquitectos Bueu Atl. Balonmán, o  Martínez & De Castro Balonman Tui e o Valinox Novás na masculina buscarán o ascenso de categoría.

Este mediodía, no Espazo Sociocultural, tivo lugar a presentación desta competición, un acto no que participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, o coordinador de Deporte Escolar da Xunta de Galicia, Guillermo Reinaldo, e o presidente do Club Balonmán Tui, Agustín Martínez. Tamén asistiron Carla Abad, vicepresidenta, secretaria e responsable de Formación da FGBm; Shaila Bautista, directiva responsable de Deporte Base da FGBm;  e Francisco Javier Rodríguez, directivo responsable de Loxística e Balonmán Praia da FGBm.

Nesta presentación o alcalde, Enrique Cabaleiro, reafirmou o compromiso do Concello de Tui co deporte local, e sinalou que “ningún lugar mellora ca este para disputar esta Final a 4 polas magníficas instalacións” que ten a cidade, tanto o Espazo Sociocultural para  a presentación, coma o pavillón Gustavo Rodríguez, para os partidos. Afirmou o rexedor tudense que “Tui converterase esta fin de semana na capital do balonmán galego”.

O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, amosou a súa satisfacción por acoller de novo unha Final de balonmán, polo que trasladou o agradecemento á Federación Galega por confiar novamente na cidade para este evento deportivo.  Por outra parte animaba a acudir esta fin de semana ao pavillón para “vivir unha fin de semana de balonmán apaixonante”. Desexaba sorte ao Balonmán Tui para lograr o ascenso.

Pola súa parte o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, indicou que “en Tui nos sentimos como na casa” para celebrar a festa do balonmán esta fin de semana aquí. Eloxiaba o traballo que está a realizar nos últimos anos o Balonmán Tui. Referiuse ao emblemático xogador tudense Roque Estévez das selección galega, , que precisamente esta fin de semana despedirase na casa coma xogador da categoría xuvenil.  A Final a 4 supón “por o colofón á temporada 2025/26 na categoría xuvenil e Tui vai ser o punto de encontro do mellor balonmán de base”, polo que agardan, un cheo absoluto no pavillón tanto o sábado coma o domingo.

O presidente do Club Balonmán Tui, Agustín Martínez, destacou a importancia que este evento ten porque “o que queremos é poñer ao balonmán de Tui no lugar que merece. Estamos no camiño de logralo”. Destacaba tamén coma moitas das persoas que acudan á Final na fin de semana aproveitarán para coñecer a cidade.

O coordinador de Deporte Escolar da Xunta de Galicia, Guillermo Reinaldo, afirmou que “cando xuntamos a un concello coma o de Tui, a unha Federación coma a de balonmán e un deporte coma é o balonmán, e unha categoría coma é a xuvenil que é o paso previo á altísima competición, estamos todos seguros que isto vai saír moi ben”. E animou a disfrutar esta fin de semana do balonmán en Tui.

  • Sábado 28 de marzo
    • 10:30h SAR Rodavigo – Balonmán Porriño (Semifinal 1 feminina
    • 12:30h Escayolas Miguel Santos BM Cangas – Tecnelsa Asmubal Meaño (Semifinal 2 feminina)
    • 17:00h Club Cisne Colegio Los Sauces – Socaire Arquitectos Bueu Atl. Balonmán (Semifinal 1 masculina)
    • 19:00h Martínez & De Castro Balonmán Tui – Valinox Novás (Semifinal 2 masculina)
  • Domingo 29 de marzo
    • 10:30h 3º e 4º posto masculina
    • 12:30h 3º e 4º posto feminino
    • 16:00h Final feminina
    • 18:00h Final masculina

 

As entradas para os encontros están xa á venda en clubber, pudendo adquirirse tamén na fin de semana no despacho de billetes, ao prezo de 7€ a entrada diaria, e a 10€ para toda a fin de semana.