Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui renova o distintivo de Calidade SICTED para a súa Oficina de Turismo

30/04/2025

O Concello reafirma o seu compromiso co sector e traballa xa para a Q de Calidade

O Concello de Tui renovou o distintivo de Calidade Turística SICTED, Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos, para a súa Oficina de Turismo por un período de dous anos máis. Esta distinción certifica o compromiso do municipio coa mellora continua da atención ao visitante e coa calidade dos servizos turísticos.

A concelleira de Turismo, Ana Núñez, foi a encargada de recoller o diploma acreditativo durante a Gala Provincial de Turismo, organizada pola Deputación, celebrada onte no concello de Moraña, nun acto que reuniu a representantes de distintos destinos turísticos da provincia.

Esta renovación é unha mostra do traballo constante do Concello de Tui por ofrecer unha atención de calidade, profesional e adaptada ás necesidades de todas as persoas que escollen a cidade como destino turístico. Con esta renovación, Tui consolídase como un destino comprometido coa excelencia na atención ao visitante.

O distintivo SICTED, promovido pola Secretaría de Estado de Turismo e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), recoñece aqueles destinos que apostan pola mellora continua, a formación e a cooperación entre os diferentes axentes turísticos.

A Oficina de Turismo de Tui continúa así posicionándose como un referente na atención ás persoas visitantes, reforzando a imaxe de Tui como un destino acolledor, de calidade e cunha oferta turística consolidada. Nesa liña a Oficina de Turismo de Tui traballa tamén na obtención da Q de Calidade Turística, un novo paso cara á excelencia. Neste sentido, Ana Núñez salientou que “as administracións públicas temos que ser exemplo de por onde debe ir o sector. Temos que ser exemplo e facer un chamamento ao compromiso coa calidade”.

A concelleira engadiu que “Tui, ademais de ofrecer servizos, ten que diferenciarse pola calidade dos mesmos”, recordando que o municipio xa se atopa situado no panorama turístico como un destino atractivo e cunha oferta diferenciadora. “A calidade debe sumarse como un valor engadido a ese atractivo”, sinalou. Este traballo conta co apoio técnico da Deputación de Pontevedra.

Na Gala do Turismo, celebrada en Moraña, no Pazo da Toxeiriña, tamén recolleron a renovación do distintivo SICTED A Fada do Aloia e Segmento Divertido. En total son doce as empresas ou servizos de Tui que contan con este recoñecemento de calidade. Dende o Concello de Tui anímase a aloxamentos, bares, restaurantes, comercio, turismo activo, turismo industrial, seguridade cidadán, axencias de viaxes, transporte turístico… a implantar este distintivo de calidade.