Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui recupera a normalidade tras o apagón, sen grandes incidencias

29/04/2025

Tivo que ser suspendida a procesión, a verbena e a tirada de fogos piromusicais das festas de San Telmo

Tui recuperou esta mañá progresivamente a normalidade tras dezaseis horas sen subministro eléctrico. Esta mañá todos os servizos municipais estaban xa plenamente operativos e dende o Concello estudase unha nova data para a realización das actividades das Festas de San Telmo que onte á tarde tiveron que ser suspendidas.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalou que non se rexistraron grandes incidencias, destacando “o comportamento exemplar da cidadanía”, polo que trasladaba o seu “recoñecemento e gratitude”. O mandatario tudense agradece o traballo dos corpos e forzas de seguridade e emerxencias, indicando que Policía Local, Garda Civil e Protección Civil que “estiveron até altas horas da madrugada de servizo por se se producía calquera incidente, que afortunamente non se produciu”.  

Enrique Cabaleiro sinalou que onte preocupaban os servizos de saneamento e abastecemento, que xa funcionan con normalidade logo de que a primeira hora desta mañá se restableceran os grupos de presión que abastecen ás zonas máis elevadas das parroquias  de Caldelas, Guillarei, Rebordáns e Ribadelouro.

Afirmou o alcalde de Tui que “dentro da situación complexa que se deu, no ámbito do concello de Tui temos que relatar moi poucas incidencias que foron xa resoltas”.

Tui viviu o apagón en pleno día grande das festas de San Telmo. Nese senso o rexedor tudense sinalou que foi “unha mágoa porque era un día de moito ambiente na rúa e todo parecía indicar que ía ser un dia magnífico”. A Concentración Cabalar, no barrio de San Bartolomeu mantivo a súa actividade ao longo de toda a xornada. A Banda Xuvenil de Tui actuou no Paseo da Corredoira, mentres que o concerto da Escola Naval Militar de Marín, previsto inicialmente no Teatro Municipal, tivo que trasladarse cara a praza exterior do Mercado de San Antonio, onde numeroso público disfrutou o amplo e variado programa interpretado por esta agrupación.

Pasadas as sete da tarde entraba na cidade a Banda de Guerra e Guión da Brilat, que tras un percorrido polas rúas do centro urbano realizou a homenaxe aos confrades falecidos diante da igrexa de San Telmo. Autoridades, tudenses e visitantes encheron o adro da igrexa e as escaleiras da rúa Párroco Rodríguez Vázquez, para presenciar este acto nunha calorosa tarde.

Debido á declaración de emerxencia nivel 2 foi suspendida a verbena a cargo de Los Satélites e tamén a tirada de fogos piromusicais. Dende o Concello traballan xa en buscar unha nova data para a celebración destes eventos.

Ante esta situación de emerxencia non se puido celebrar a procesión na honra a San Telmo que cada ano sae da Catedral para percorrer as principais rúas do centro urbano, nun evento multitudinario. Onte finalmente so se puido levar a cabo a ofrenda ao Santo. As autoridades, presididas polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e entre as que estaba a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, a deputada de Turismo, Nava Castro, e o bispo da Diocese de Tui-Vigo, Monseñor Antonio Valín, entre outros,  realizaron un pequeno percorrido dende a praza do Concello, a rúa Seixas, e a praza de San Fernando. Con aplausos e emoción era recibida a imaxe de San Telmo a súa saída da Catedral até o Pórtico.  Do mesmo xeito os aplausos volveron resoar con forza cando a imaxe volveu entrar no tempo catedralicio completamente a escuras.