Tui recibe á secretaria de Estado de Función Pública
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, recibiu onte á tarde na casa do concello á secretaria de Estado de Función Pública, Clara Mapelli Marchena. Na reunión participaron tamén as concelleiras Ana Núñez e Sonsoles Vicente e o concelleiro Rafael Estévez.
O rexedor expuxo á secretaria de Estado que o Concello de Tui ten completado o proceso de estabilidade e consolidación do persoal municipal, cumprindo cos obxectivos marcados pola lexislación vixente en materia de emprego público e garantindo así unha administración máis eficiente, profesional e estable.
A secretaria de Estado, Clara Mapelli, felicitou ao Concello polo compromiso amosado neste proceso, destacando coma dende o seu departamento promoven un conxunto de iniciativas e reformas orientadas a mellorar a eficiencia, a eficacia e a calidade da xestión pública.
Por outra parte o alcalde de Tui explicou á secretaria de Estado, a solicitude realizada polo Concello para a declaración de catro enclaves da cidade como “Lugares de memoria democrática”, ao abeiro da Lei de Memoria Democrática.
Trátase do actual edificio da Praza da Inmaculada que acolleu o antigo cárcere do partido xudicial, onde permaneceron detidos gran parte dos represaliados. Tamén o actual cuartel da Garda Civil, no Paseo da Corredoira, que foi o cuartel dos carabineiros, que se mantiveron fieis á República polo que os seus efectivos foron represaliados. O terceiro lugar da memoria proposto é a Alameda de San Domingos, onde se sitúa o antigo cuartel onde tiveron lugar os fusilamentos das persoas condenadas e por último a Comandancia Naval do Miño en recoñecemento á dotación do patrulleiro Cabo Fradera que se mantivo tamén leal.
Durante a súa estadía, Clara Mapelli, xunto ás autoridades municipais e o técnico municipal e historiador Rafael Sánchez Bargiela, visitou estes catro lugares propostos, así como a Catedral de Tui, un dos emblemas destacados do patrimonio histórico e cultural da cidade, que en novembro cumpre 800 anos dende a súa consagración.