Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui puxo en valor a figura dun tudense universal coma é Rosendo Salvado

7/06/2022

A súa vida e a súa obra divulgouse a semana pasada no ciclo organizado polo Concello

O 1 de marzo de 1814 nacía en Tui Rosendo Salvado.  A súa vida e obra foi divulgada no ciclo organizado polo Concello de Tui que se desenvolveu entre o luns 30 de maio e o sábado 4 de xuño. 

Dúas conferencias ofrecidas polo catedrático da Universidade Gregoriana de Roma, Giulio Ciopollone e polo profesor da Universidades de Vigo Albino Prado permitiron afondar na vida e obra do bispo tudense na xornada do luns e martes. Ambas intervencións afondaron nunha visión renovada da obra e traxectoria de Salvado. O profesor Cipollone reivindicou o alcance universal da vida e obra de Rosendo Salvado, ao afirmar en plena metade do século XIX a inexistencia das razas que dividían aos homes e condenaban á condición de inferiores a diversas etnias, como era o caso dos aborixes. Esta afirmación é completamente orixinal e única naquel momento e sinala a Salvado como un auténtico pioneiro na defensa dos dereitos humanos e no respecto ás diversidades, tanto étnicas, relixiosas ou culturais, que foron plasmadas na creación de Nova Nursia, a obra magna do beneditino tudense.

Pola súa banda, Albino Prada reclamou rescatar a Salvado que está oculto polas follas de eucalipto botadas sobre a súa figura que deturpan cun anécdota a súa transcendencia colosal, pois Rosendo Salvado foi un oasis en medio do maremoto que significaba a colonización por parte das potencias occidentais demostrando que hai un xeito diferente de facer as cousas. Na súa intervención o profesor Prada púxolle voz ás palabras de Salvado recollidas das súas memorias e doutros textos.

O mércores, dende a casa natal de Salvado, na rúa que leva o seu nome, partiu a visita guiada polo historiador tudense, Rafael Sánchez, quen explicou coma a familia de Rosendo Salvado vivía en pleno Camiño Real. Rosendo estudou inicialmente no convento dos franciscanos en Tui e logo en San Martín Pinario en Santiago, pero a desamortización de Mendizábal fixo que tivera que regresar ao seu Tui natal. Para continuar coa súa vocación ingresou no mosteiro  beneditino de la Cava deiTirreni, preto de Nápoles, e dende aí marcharía a Australia, chegando ao porto de Fremantle, tras máis de 100 días viaxe. Explicaba Rafael Sánchez Bargiela, coma Rosendo Salvado regresaría a Tui até en tres ocasións, dunha delas non hai moitos datos, pero das outras consta o gran recibimento que recibiu no seu pobo natal. Nunha desas visitas a Banda de Música interpretaba a súa chegada o “Maquialó”, unha peza aborixe que el transcribiu e que tiña enviado a Tui na súa ampla correspondencia. O percorrido da visita do pasado mércores chegou até a praza de San Fernando onde unha inscrición no edificio do Museo Diocesano lembra ao bispo tudense, e concluía na praza da Inmaculada onde se sitúa o monumento realizado por Alfonso Quinteiro. O escultor ponteareán non puido estar na inauguración da obra nos anos 40, pero sí en 2007 cando se colocou unha placa  un acto no que estivo o embaixador de Australia en España.

Salvado destacou dende novo polas súas dotes musicais. Esa faceta centrou a mesa redonda celebrada o xoves, na que participaron Montserrat Capelán, Andrea González e Tomás Camacho como moderador da mesma. Montserrat Capelán abordou os tipos de música que se realizaban en Galicia e salientou a calidade da obra de Rosendo Salvado expresada nas súas composicións tanto de música relixiosa como de música de salón. Pola súa parte, Andrea González comentou o proceso de descubrimento da música de Salvado, que debe ser colocada nunha posición de privilexio no panorama musical do século XIX en Galicia polo seu virtuosismo e calidade.

Precisamente a música composta por Salvado no século XIX sou o venres á noite no Teatro Municipal, interpretada pola pianista tudense Andrea González no concerto presentación do seu disco “Salvado – Piano Works”. O evento abríase cunha peza audiovisual sobre a vida de Rosendo Salvado, que serviu coma fío condutor do propio concerto, no que a pianista tudense relatou coma se atopou con esta obra musical, ao tempo que foi introducindo cada unha das pezas interpretadas. Convidou ao público a acompañar con palmas o “Maquialó” e contou amais tamén actuación da soprano Clara Jelihovschi Panas.

 

O ciclo pechou o sábado coa proxección do documental “De Salvado a Salvado” dirixido por César Espada, que foi o encargado de presentar este traballo realizado en 2016 por César Espada chegou á figura de Rosendo Salvado traballando na Embaixada de España en Canberra, e foi aí coma xurdiu esta peza na que conecta a Rosendo Salvado e a Rosendo Mercado, que tamén estivo presente na proxección, e que co gallo desta gravación ofreceu varios concerto en Australia. A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, agradecía a ambos a súa presenza en Tui coa que se pechaba un ciclo iniciado coa rodaxe do documental, e un programa de actividades que permitiu achegarse e afondar na figura do bispo tudense.

Este ciclo de actividades revela, nunha nova ocasión, a figura poliédrica de Rosendo Salvado cunha transcendencia que supera, e nisto coinciden todos os relatores, non xa a dimensión local ou nacional senón que estamos diante dunha personalidade que ten deixado unha achega universal aínda por valorar e recoñecer; como manifestaba o profesor Cipollone, Rosendo Salvado é un premio Nobel da concordia “avant la lettre” anticipándose en décadas aos procesos de respecto aos dereito humanos e das minorías.