Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui presenta o seu III Plan Municipal da Igualdade con 50 medidas e 162 actividades para unha igualdade real e efectiva

5/03/2021

Terá unha vixencia de 4 anos

Este mediodía presentouse na casa do concello o III Plan de Igualdade entre homes e mulleres do Concello de Tui. Aprobado por unanimidade en plano o pasado mes de decembro, recolle a folla de ruta a seguir durante catro anos para lograr unha sociedade máis igualitaria e libre de violencia de xénero.  Con este acto abriuse hoxe o programa de actividades previsto con motivo do Día Internacional da Muller, 8M.

A presentación correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, da concelleira de Igualdade, Ana Núñez, e da técnica redactora do Plan, Laura Seara.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou que “este é un plan desta institución” indicando que “servirá coma guía e referencia das políticas que estamos desenvolvendo e se van desenvolver”. Apuntou que o este ten que ser “un documento vivo que permita levalo á práctica”. Amosou a súa satisfacción pola implicación dos distintos colectivos sociais no proceso de redacción deste Plan. Concluíu indicando que “en igualdade queda moitísimo traballo por facer porque non todo está conseguido”.

A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, expuxo que o Plan presentado hoxe é “un documento para lograr unha igualdade real e efectica” ao tempo que recoñeceu que “aínda queda moito por facer” xa que o propio Plan na súa diagnose amosa “a existencia e persistencia das desigualdades estruturais”. “As políticas de igualdade, os dereitos, as leis, os cambios perduran, e son patrimonio de todas e todos” indicaba a edil que concluía manifestando que “coa aprobación deste plan o Concello de Tui amosa un compromiso decidido e responsable, e coma sempre activo, para a igualdade. É a nosa responsabilidade dotarnos de todos os instrumentos para erradicar discriminacións e lograr unha sociedade máis xusta e máis igualitaria”.

Laura Seara, técnica redactora desta III Plan de Igualdade, destacou que este é un documento ambicioso, moi participativo e transversal que nace cun gran liderato e gran implicación.

O Plan de Igualdade recolle unha folla de ruta a seguir nos próximos catro anos.  O documento comeza cunha análise pormenorizada da situación no municipio, por sectores e áreas, e cos resultados das enquisas realizadas á poboación.  Na síntese sinálase a detección de “desigualdades entre mulleres e homes, funda­mentalmente no ámbito sociolaboral”. As mulleres son o 51.8% da poboación tudense.

Os obxectivos do Plan de Igualdade son:

  • Introducir a perspectiva de xénero no funcionamento do Con­cello
  • Implicar a todas as concellerías e departamentos municipais no desenvolvemento de políticas, programas, estratexias e accións de igualdade.
  • Detectar e combater as fendas de xénero económicas, sociais, culturais e políticas en Tui.
  • Favorecer a participación da cidadanía na posta en marcha das políticas de igualdade en Tui.
  • Poñer en marcha os mecanismos axeitados para remover os obstáculos que manteñen as discriminacións por razón de sexo e perpetúan a desigualdade estrutural das mulleres.

O Plan desenvólvese en 8 áreas de actuación o Concello; Emprego; Conciliación da vida familiar, laboral e persoal; Inclusión con perspectiva de xénero: Saúde, Calidade de vida e deporte; Coeducación e cultura; Urbanismo, Mobilidade, Medioambiente e Seguridade; e o Combate contra a violencia de xénero.  Nas mesmas recóllense en conxunto 50 medidas e 162 actividades a realizar.

As medidas contempladas aplicaranse de forma transversal en todas as áreas municipais.

Contémplase a adhesión do Concello de Tui ao sistema Viogen, a creación dunha Unidade de Apoio Local contra a Violencia de Xénero e un Protocolo de Prevención do Acoso Sexual e de Acoso por Razón de Sexo no Concello de Tui.

Tamén se prevé a creación do “Espazo en Igualdade” na web municipal. No mesmo recollerase toda a información de normativa, recursos, enlaces de interese, novas municipais, actividades, ou un espazo para reflexión con texto de escritoras e activistas relacionadas co feminismo.

A redacción do Plan contou co financiamento da Deputación de Pontevedra e e cunha achega municipal.

Acto institucional

O próximo luns, 8 de marzo,  ás 12 h, no edificio da praza da Inmaculada, terá lugar o acto institucional.  O acto abrirase coa proxección do audiovisual “Únete á R-Evolución nos coidados” que rende homenaxe ás mulleres que estiveron en primeira liña durante a pandemia, e que ao tempo constitúe unha reivindicación do valor dun traballo absolutamente feminizado e invisibilizado no que urxe promover a corresponsabilidade.

A continuación seis mulleres, de distintos ámbitos, darán lectura ao manifesto “O persoal é político” reivindicativo da axenda femininista en distintos ámbitos. Haberá poesía coa pedagoga Teresa Domínguez, quen dará lectura a un poema da súa autoría, e música con Dafne Piñeiro e Lourdes Quintela, alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Tui.

O aforo está limitado pero poderase seguir en directo canle de Youtube, na web e nas redes sociais do Concello de Tui. 

Consultar III Plan de Igualdade