Tui prepárase para unha intensa fin de semana de San Telmo
Deporte, concertos, gastronomía, verbenas ou espectáculos para público familiar nos días grandes destas festas, declaradas de Interese Turístico Galego
Todo preparado en Tui para vivir a fin de semana grande das Festas de San Telmo, declaradas de Interese Turístico Galego. Unha ampla programación que inclúe deporte, concertos, verbenas, gastronomía, espectáculos para público familiar, animación de rúa... e moito máis até o luns 13, Luns de San Telmo, festivo local.
O Espazo Feiral, o paseo da Corredoira, o Teatro Municipal, o Espazo Sociocultural na rúa Camilo José Cela, a rúa Compostela, a praza de San Fernando e o barrio de San Bartolomeu son os principais escenarios das actividades previstas.
Espazo Feiral
Nestas Festas de San Telmo, o Espazo Feiral acolle diversos espectáculos e as casetas gastronómicas das asociacións culturais. Mañá sábado aquí actuará a orquestra La Banda de Ayer ás 22 h. Despois, o público poderá gozar de Tui Mix, unha sesión con El Virtual, Komojo, Overdose Records DJs con Kaixo, Wabii & Denzo e Xiari.
Tamén neste Espazo Feiral actuará o domingo a orquestra Panorama City, ás 23.30 h. O luns será a quenda da orquestra París de Noia, que actuará en dous pases: ás 19 h e ás 00 h.
Paseo da Corredoira
O paseo da Corredoira acollerá a Carreira Popular Solidaria II Memorial Xosé Martínez Tato, que terá lugar mañá sábado a partir das 11 h. No mesmo espazo, e amenizando a xornada, ás 12 h actuará a Charanga Cantos Somos. Xa pola tarde, o mesmo sábado, Pulpiño Viascón realizará un pasarrúas con “A Trikimachín”.
O domingo 12 as actividades neste espazo comezarán ás 12.30 h coa actuación da Banda de Música Municipal de Ribadumia e, ás 18 h será a quenda da Banda de Música Popular de Tui.
Xa ás 19 h do propio domingo haberá un pasarrúas de PistaCatro con “Mimo Circus Party” e ás 20 h actuará a Charanga Cantos Somos.
O luns, festivo local, o paseo da Corredoira acollerá ás 12.30 h o concerto da Banda Xuvenil de Tui.
Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela
No Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela actuará mañá sábado ás 18 h o mago tomiñés Samuel Moreno, co seu espectáculo “Etéreo” e, a partir das 21.30 h, actuará o grupo Ola de Calor.
Xa o domingo 12 ás 21.30 h o grupo The Sibaritas ofrecerá un concerto.
San Bartolomeu
Tui vivirá esta fin de semana unha nova edición da Concentración Cabalar de San Telmo, con diversas actividades durante os tres días: sábado, domingo e luns. O barrio de San Bartolomeu acollerá este tradicional evento con concursos de salto, de enganches, espectáculos e a segunda edición da Ruta Cabalar gratuíta, xunto ao espectáculo de Miron Bococi.
Teatro Municipal
O luns 13 ás 18 h o Teatro Municipal de Tui acollerá o concerto da Banda e Música da Escola Naval Militar de Marín, con entrada libre.
Rúa Compostela
A música volverá encher a rúa Compostela nestas festas patronais coas verbenas a cargo da orquestra Los Satélites, o domingo 12 ás 19.30 h en primeiro pase e ás 22 h en segundo.
Desfiles e procesións
Un dos elementos tradicionais destas festas son as procesións e os desfiles. O primeiro que percorrerá o centro da cidade, partindo dende a glorieta de Vigo, será o Desfile Exaltación de Traxes Tradicionais organizado pola Asociación do Traxe Tradicional de Tui. Será o domingo 12 ás 12.30 h.
O luns 13 ás 10.30 h terá lugar a Procesión pola Coronilla e Misa na Honra a San Telmo, na Catedral de Santa María de Tui.
O propio luns ás 19.15 h a Banda de Guerra e Guión da BRILAT desfilará dende a rúa Augusto González Besada até a praza de San Telmo, onde realizará a homenaxe aos confrades de San Telmo falecidos.
Ás 21 h partirá dende a Catedral a solemne Procesión de San Telmo que percorrerá as rúas de Tui, para ao regreso, na praza de San Fernando, realizar a ofrenda a San Telmo.
Xa ás 23.30 h, dende o Paseo Álvarez Blázquez, terá lugar a tirada de Fogos Piromusicais, como remate das festas de San Telmo 2026. Este ano coma novidade poderase baixar aos Xardíns de Troncoso.





