Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

“Tui Porto Xacobeo” é o título dun programa de actividade que a Consellería do Mar trae á cidade

19/11/2010

“Tui Porto Xacobeo” é o título dun programa de actividade que a Consellería do Mar trae á cidade
Unha exposición, un concerto e unha conferencia integran a oferta

19 de novembro de 2010. A importancia de Tui no Camiño de Santiago vén de quedar plasmada unha vez máis neste ano Xacobeo. Desta volta ao través do programa de actividades denominado Tui Porto Xacobeo que a Consellería do Mar achega ata a cidade con tres propostas. Nas mesmas conta coa colaboración da Concellería de Cultura e da Catedral de Tui.
Por unha banda ata o próximo mércores día 24 pódese visitar no Anexo da Sala de Exposicións Municipal unha mostra sobre os camiños marítimos de peregrinación con especial referencia ao camiño portugués e a cidade de Tui como punto de confluencia dos diversos camiños que percorrían Portugal onde o porto tudense era o punto de acceso dos peregrinos a Galicia.
Amais mañá sábado, día 20, ás 20h haberá un concerto de música clásica a cargo do Dúo de violín e viola formado por Bieito Vilar e Mario Diz, na Catedral de Tui. E por último o próximo martes, día 23, ás oito da tarde haberá unha conferencia a cargo do presidente da Fundación Camiño de Santiago, Celestino Lores, no edificio Área Panorámica.
Con este programa dende a Consellería do Mar preténdese fundamentalmente dar a coñecer o  porto de Tui e a súa relación histórica co Camiño de Santiago, programando unha serie de actos nos que se pode participar ou aos que se pode asistir como espectador. Ao mesmo tempo poténcianse as instalacións portuarias dándolle un uso que integra a actividade económica, o uso social e  cultural dos portos de xeito harmónico.
Portos de Galicia leva a cabo este programa nas instalacións portuarias distinguidas como portos Xacobeos. Trátase de portos que pola súa situación dentro dos diversos Camiños de Santiago están relacionados por ser punto de referencia para os peregrinos. Cada porto, tamén o tudense, é identificado cun monolito e con cartelería específica co lema dos portos xacobeos: “Hai camiño polo mar”. Ademais, toda a información, programación e actos figurarán na páxina web www.portosxacobeos.com.
Esta aportación da Consellería do Mar ao fenómeno Xacobeo supón unha gran oportunidade para dar a coñecer por primeira vez a vinculación dos portos cos diferentes Camiños, nunha aposta por favorecer o coñecemento das nosas instalacións portuarias. Tamén se aproveita a oportunidade que nos ofrece este ano Santo para achegar a realidade sociocultural dos municipios galegos tanto aos seus habitantes coma aos seus visitantes.
Dende a Concellería de Cultura de Tui, o seu responsable, Moisés Rodríguez, agradece a Consellería do Mar o desenvolvemento destas actividades no municipio. Isto, sinala, evidencia unha vez a importancia de Tui coma porta de entrada a Galicia do Camiño Portugués ao través dos séculos e na actualidade. Neste ano Xacobeo o Concello de Tui ten desenvolvido distintas iniciativas desenvolvidas co Camiño Portugués coma a edición de material informativo ou a apertura do centro de interpretación do camiño portugués e dun albergue temporal en Santo Domingo.