Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui participará nas URBACT#InfodayES, xornadas sobre desenvolvemento sustentable en Vic

5/02/2023

O alcalde, Enrique Cabaleiro, asistirá ao evento no que se intercambiarán exemplos de boas prácticas e se coñecerán solucións innovadoras postas en marcha por distintas cidades europeas

O Concello de Tui, representado polo alcalde, Enrique Cabaleiro, participará a próxima semana, o mércores 8 e o xoves 9, en Vic nas URBACT#InfodayES. Trátase dunhas xornadas que teñen coma obxectivo crear redes de traballo entre cidades europeas en materia de desenvolvemento urbano sustentable.

As URBACT#InfodayES están organizados polo Punto Nacional URBACT, xunto ao Concello de Vic e a Deputación de Barcelona. Neste evento explicaranse  as posibilidades de financiamento para  proxectos de Desenvolvemento Urbano Sostible para as cidades. O seu obxectivo é axudar aos municipios asistentes na preparación da nova convocatoria das Action Planning Networks de URBACT, cuxo prazo de presentación está aberto até o  31 de marzo.

Ao longo de día e medio desenvolveranse unhas serie de sesións principalmente prácticas, con mesas de traballo e espazos de diálogo, que permitirán ás cidades e municipios avanzar tanto na definición do seu proxecto como na creación de redes de paternariados. Este evento contará coa participación do Secretariado de URBACT, doutros Puntos Nacionais e de diversas cidades europeas. Nestas xornadas de Vic contarase tamén coa presenza de varios Ministerios e institucións europeas, que ampliarán os contidos do evento explicando o novo Marco Financeiro Plurirrexional 2021-2027 e posibles oportunidades de financiamento de proxectos de Desenvolvemento Urbano Sustentable para as cidades.

No caso de Tui é de especial interese a presenza nestas xornadas tendo en conta o papel transformador que a súa axenda urbana, de carácter transfronteirizo, pode ter, ao recollerse a súa estratéxica situación fronteiriza e recollendo a estreita relación de cooperación con Valença, plasmando así o traballo realizado entre municipios de dous países.  Un documento, a Axenda Urbana, no que precisamente se fai fincapé no desenvolvemento urbano sostible.  A presenza nestas xornadas permitirá coñecer solucións innovadoras e compartir desafíos urbanos comúns, para desenvolver así un plan de acción para a súa implementación nos distintos municipios.

Estas xornadas permitirán tamén intercambiar boas prácticas e aprender da experiencia neste ámbito doutras cidades europeas.

A participación nestas xornadas reflicte o compromiso do concello de Tui coa sustentabilidade urbana e co desenvolvemento sustentable do municipio.