Tui impulsa unha nova etapa para o seu Conxunto Histórico coa modificación do PEPCHA
O cambio na normativa sométese a información pública durante un mes
O Concello de Tui aprobou inicialmente en Xunta de Goberno Local o pasado 30 de maio a modificación puntual nº1 do Plan Especial do Conxunto Histórico Artístico, PEPCHA. O cambio normativo sométese agora a información pública durante un mes tras a súa publicación onte no DOG. De forma paralela o Concello continúa avanzar na tramitación solicitando os informes sectoriais correspondentes, salvo o de medio ambiente que neste caso non é preciso xa que a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu informe onde indica que non se agarda que esta modificación puntual do PEPCHA produza diferenzas significativas nos efectos ambientais previstos nin na súa zona de influencia.
Esta actualización normativa ten como obxectivo principal converter o centro histórico nun espazo máis habitable, dinámico e acorde ás necesidades actuais, garantindo ao tempo a preservación da súa identidade e dos seus valores patrimoniais.
Así por unha banda a modificación contempla novos usos compatibles, cunha clara prioridade para o uso residencial. En concreto permitirá incorporar usos emerxentes, como as vivendas e aloxamentos turísticos, dun xeito ordenado e con condicións específicas. O uso residencial mantense como prioritario e protéxese expresamente, esixindo condicións mínimas de habitabilidade para calquera uso alternativo, o que garante a posibilidade de recuperar estes inmobles como vivendas habituais no futuro.
Por outra parte recóllese unha maior flexibilidade en materiais e solucións construtivas. En concreto proponse o uso de novos materiais para cubrir patios interiores, o emprego de cores segundo a Guía de Cor e Materiais de Galicia, e a instalación de paneis fotovoltaicos, sempre que se respecten os valores estéticos e patrimoniais do entorno.
Outro dos aspectos recollidos no cambio normativo é establecer máis capacidade de decisión técnica a nivel local. Deste xeito redefínese o papel da Comisión de Seguimento do PEPCHA, delegando parte das súas funcións no servizo técnico municipal, o que axilizará os trámites e mellorará a eficiencia na xestión urbanística.
Outra das cuestión recollidas na modificación é o establecemento da exención da obriga de dotación de prazas de aparcadoiro para determinados usos, unha medida clave neste espazo urbano onde esa implantación resulta, na práctica, inviable.
Esta revisión do PEPCHA responde ao compromiso do Concello de Tui coa conservación activa do seu patrimonio, e ofrece unha ferramenta máis eficaz para facer fronte aos retos actuais do centro histórico: frear o despoboamento, incentivar a rehabilitación e atraer novas oportunidades de vivenda, cultura e economía local.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinala que “con este cambio a normativa será máis operativa, coherente e adaptada á realidade do conxunto histórico”.
A concelleira de Patrimonio, Ana Núñez, sinala que “esta modificación é unha ponte entre o que fomos e o que queremos ser. Un instrumento que nos axudará a recuperar un conxunto histórico vivo, coidado, habitado e con alma”.