Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui e Valença celebran de xeito conxunto o 125 aniversario da Ponte Internacional

9/03/2011

Tui e Valença celebran de xeito conxunto o 125 aniversario da Ponte Internacional

O programa culmina coa sinatura dun protocolo de irmanamento o 25 de marzo

 

 

Mércores, 9 de marzo de 2011. Entre o 12 de marzo e o 25 de maio o Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença organizan unha serie de actividades para conmemorar os 125 anos a Ponte Internacional que os une. O programa é amplo e diverso e contempla exposicións, actividades deportivas, teatro, seminarios de estudo, visitas guiadas á ponte, paseos en locomotora e en barco, e actividades sociais e de solidariedade.  Todo o programa previsto culminará o 25 deste mes coa sinatura do protocolo de irmandade en Tui e Valença do Minho.

 

Todas estas actividades foron presentadas esta mañá na antiga alfándega de Valença polos mandatarios dos dous municipios Jorge Salgueiro Mendes e Antonio Fernández Rocha, e os responsables de cultura José Monte e Moisés Rodríguez.

 

O Concelleiro de Cultura de Tui, Moisés Rodríguez, abría as intervencións expondo que “este irmanamento ratifica que Tui e Valença somos irmás de natureza” e explicaba que o obxectivo do programa de actividades elaborado é que “a poboación das dúas cidades se involucre”.

 

O seu homólogo de Valença, José Monte, aludiu a unha das actividade concretas coma é un tapiz que o día 25 se vai colocar na Ponte elaborado dentro dun proxecto que o primeiro semestre do ano se desenvolve en Valença na loita contra o cancro.

 

O Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, amosouse feliz polo irmanamento das dúas cidades que se vai asinar o próximo día 25, indicando que Tui e Valença “son irmáns dende hai anos” expondo que “somos practicamente o mesmo pobo unido por unha ponte centenaria” pero faltaba un documento que é o que se vai asinar o próximo 25 de marzo. Facía un simil co casamento dunha parella de noivos. Este irmanamento salientaba que servirá para que “as vindeiras xeracións saiban que amais de irmáns de feito  sómolo de dereito”. Confesou amais sentir emocionado agardando o próximo día 25 unha data na que agarda que a xente participe. Desexou que de agora en diante cada 25 de marzo sexa conmemorado tanto por Tui coma por Valença do Minho.

 

Pola súa parte o Presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, expuña que o 25 de marzo van culminar unha serie de actividades que comezan o día 12 para conmemorar a primeira unión por ferrocarril entre España e Portugal. Salientaba que a vella ponte é “histórica e monumental”.

 

As primeiras actividades en comezar serán as deportivas cun Torneo de Baloncesto que se vai celebrar este sábado de 16 a 20h no Pavillón Municipal de Tui coa participación de dous equipos de Tui, un do Porriño, de Valença e de Ponte de Lima. Logo o sábado 19 de 15.45 a 20h no estadio Dr. Lourenço Raimundo de Valença disputarase un Torneo de fútbol infantil.

 

No eido expositivo poderase visitar unha mostra “Histórica e ferroviaria sobre a Ponte Internacional” na Sala de Exposicións Municipal de Tui. Amais na sala anexa estará aberta a exposición do concurso de fotografía convocado co gallo desta celebración. Ambas poderán visitarse do 17 de marzo ao 3 de abril.  Na Área Panorámica estará patente ao público unha exposición filatélica do 24 ao 29 de marzo. Xa en Valença o Núcleo Museolóxico acollerá do 25 de marzo ao 25 de maio unha exposición dos 125 anos da Ponte Internacional, e tamén estará exposta unha mostra histórica e documental nas mesmas datas. Amais os carteis presentados ao concurso convocado dentro desta programación exporanse na Biblioteca de Valença do 15 ao 31 de marzo.

 

O teatro terá o seu oco o xoves 17 de marzo ás 20.30h no Teatro Municipal de Tui coa representación da obra “As Rapaziadas Teatrais”  a cargo de Comedias do Minho.

 

Os días 18 e 19 de marzo a actividade céntrase nun Seminario de Estudos sobre “A Ponte Internacional: unindo xentes, territorios e culturas” que terá lugar no salón de actos da Aula da UNED de Tui e no Auditorio da Cámara Municipal de Valença.

 

Outra das actividades previstas son visitas guiadas para os escolares tudenses e valencianos a Ponte Internacional, paseos en locomotora a vapor e en barco polo Miño os días 25 e 26 de marzo.

 

Os actos centrais terán lugar o día 25 de marzo, venres, coa colocación dun tapiz na Ponte Internacional  e coa sinatura do protocolo de irmandade entre os dous municipios.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

 

ACTIVIDADES DEPORTIVAS

Torneo de Baloncesto en Tui

12 de marzo – 16/20 h.

Pavillón Municipal de Tui

 

Torneo de fútbol infantil en Valença

19 de marzo – 15,45/ 20 h.

Estadio Dr. Lourenço Raimundo de Valença

 

TEATRO

“As Rapaziadas Teatrais”

Escenificación das Comedias do Minho

17 de Marzo – 20,30 h.

Teatro Municipal de Tui

 

SEMINARIO DE ESTUDIOS

“A Ponte internacional: unindo xentes, territorios e culturas”

18 de marzo – 09,30 h.

Salón de Actos da Aula da UNED de Tui

19 de Marzo – 10,00 h

Auditorio da Cámara Municipal de Valença

Colaboran: UNED e ESCEV

 

VISITAS GUIADAS Á PONTE INTERNACIONAL

21 a 24 de marzo – 11/ 13 h.

Comunidade escolar de Tui e Valença

 

PASEO EN LOCOMOTORA A VAPOR

25 de marzo en Tui – Paseo da Corredoira- 16,30 h.

26 de marzo en Valença – 15,30 – Avda. Estaçao

 

PASEOS EN BARCO TUI – VALENÇA

25 e 26 de marzo: 16 – 19 h.

Colabora Aquamiño

 

ACTIVIDADES SOCIAIS E DE SOLIDARIEDADE

Colocación dun tapiz na Ponte Internacional

Proxecto “Um día pela Vida” da Liga Portuguesa contra o cancro – delegación de Valença

25 de marzo

 

SINATURA DE PROTOCOLODO DE IRMANDADE

25 de marzo

11,00 h. Recepción a invitados e autoridades (antiga alfandega de Valença)

11,30 h. Sesión Solemne

12,30 h.: Sinatura do protocolo de descubrimento de praca conmemorativa na Ponte Internacional

 

 

EXPOSICIÓNS: MARZO E ABRIL

Histórica e Ferroviaria sobre a Ponte Internacional

17 de marzo – 3 de abril

Sala Municipal de Exposicións - Tui

Filatélica

24 – 29 de marzo

Edificio Área Panorámica - Tui

Exposición do concurso de fotografia

17 de marzo – 3 de abril

Anexo Sala Municipal de Exposicións - Tui

125 anos da Ponte Internacional

Núcleo Museológico de Valença – 25 de marzo a 25 de maio

Exposición do concurso de carteis

Biblioteca Municipal de Valença – 15 a 31 de marzo

Exposición histórica e documental

Valença – 25 de marzo a 25 de maio

 

 

ORGANIZACIÓN

Concello de Tui

Cámara Municipal de Valença

Colabora: Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal