Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui despide o Entroido co Enterro do Bacallau o domingo ás 19,30 horas

11/03/2011

Tui despide o Entroido co Enterro do Bacallau

Sairá o domingo ás 19.30h dende a Praza de San Fernando

No Palco da Música na Corredoira darase lectura ao testamento

 

Venres, 11 de marzo de 2011.  Tui despide este domingo oficialmente o Entroido coa celebración do Enterro do Bacallau. No mesmo deberán participar as 12 comparsas e os 2 grupos que tomaron parte o martes no Desfile-Concurso de Entroido, pero amais coma en anos anteriores se sumará ao mesmo moita outra xente polo que dende a organización calcúlase que máis de mil persoas tomen parte neste acto.

 

O Enterro do Bacallau sairá o domingo ás 19.30h dende a Praza de San Fernando. A comitiva fúnebre dirixirase pola rúa Seixas, Porta da Pía, rúa Ordóñez ata o Paseo da Corredoira, onde no Palco da Música se dará lectura ao testamento do finado Bacallau. O enterro proseguirá logo pola Praza da Inmaculada, Augusto González Besada, enlace coa rúa Ourense e aparcamento municipal onde terá lugar a incineración do Bacallau.

 

Restricións no tráfico

 

Debido á celebración do Enterro do Bacallau a Policía Local de Tui informa que o domingo dende ás catro da tarde e ata ás doce da noite o aparcamento municipal permanecerá pechado, coa conseguinte prohibición de estacionar e circular polo mesmo nese horario. Amais de 18h a 20h tamén estará prohibido estacionar na Praza de San Fernando e na rúa Seixas.