Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui consolídase en agosto como segundo lugar de inicio de todos os camiños de Santiago

2/09/2025
O 57 % das persoas peregrinas do Camiño Portugués elixiron Tui para iniciar a súa peregrinación a Compostela

Tui consolídase como o segundo lugar escollido polos peregrinos e peregrinas para iniciar a súa peregrinación a Santiago de Compostela. Así no pasado mes de agosto un total de 8.405 peregrinos comezou na nosa cidade o seu itinerario xacobeo. Unicamente Sarria, no Camiño Francés, supera a Tui con 25.639 persoas que iniciaron nesta vila lucense o seu percorrido.

Este número de peregrinos supón que o 57% dos peregrinos que realizaron o Camiño Portugués no pasado mes de agosto escolleron a Tui como etapa inicial. Concretamente o Camiño Portugués contou con 14.691 peregrinos (deles 9.089 españois e 4.936 de orixe estranxeira) mantendo a cifra do pasado ano.

Así, o Camiño Portugués volve a ser o segundo itinerario elixido polos peregrinos, logo do Camiño Francés (que neste agosto acolleu a 77.099 persoas) e superando ao Camiño Portugués da Costa (terceiro itinerario xacobeo en número de peregrinacións con 11.171 en agosto).

Unha posición que Tui mantén tanto no mes anterior como en todo o 2025, segundo confirman os datos da Oficina do Peregrino da catedral de Santiago. No que levamos de ano, ten iniciado en Tui o seu camiño un total de 30.098 peregrinos, tamén neste caso unicamente Sarria supera a Tui con 114.465 persoas.

Tamén o Camiño Portugués ao longo deste ano experimenta un incremento do 4% con respecto do pasado ano.

Para a concelleira de Turismo de Tui, Ana María Núñez, estes datos reafirman a “potencialidade da oferta turística e patrimonial da nosa cidade que enriquece de xeito substancial a experiencia da peregrinación polo Camiño Portugués”.