Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui celebrou as Letras Galegas con libros, música e contos

18/05/2026

A praza da Inmaculada acolleu a única feira exclusiva de libros en galego da provincia

Tui celebrou onte o Día das Letras Galegas con libros, música e contos nunha xornada cun marcado carácter festivo entorno ás nosas letras e a nosa literatura na praza da Inmaculada. Aquí se celebrou a XXVII Feira do Libro Galego na que máis de 540 títulos de libros en galego tomaron os andeis dos dez postos da libraría Espazo Lector Nóbel, que rexistrou un importante volume de vendas.  As últimas novidades editoriais coma  Arantxa Portabales, Ledicia Costas, Llerena Perezo, Pedro Feijoo, ou Samuel Ferro que estivo asinando exemplares do novo seu libro ao longo da xornada. Na literatura infantil non faltaron os títulos dos Bolechas, xunto a outros coma Cocorico, ou Adiviña quen ven esta noite, … Pero tamén houbo lugar para outros clásicos, libros de viaxes, de cociña, ou de historia.

Na apertura da xornada o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, reivindicou o uso do galego, e destacou coma “na provincia de Pontevedra a única feira que se fai   exclusivamente de libros en galego neste momento é no concello de Tui”. Tamén destacou que o 17 de maio “é un día para poñer en valor a todos aqueles colectivos, sobre todo non gobernamentais, que diariamente están traballando e desenvolvendo campañas para a normalización e o uso do noso idioma”.  Amais agradeceu aos profesionais das librarías o seu labor, e en especial aos libreiros tudenses coma a Librería Nobel “pola súa sempre implicación e o seu compromiso non só cos actos que celebramos neste día, senón coa difusión da literatura escrita en galego durante todo o ano” e para Librería Iris que “durante moitos anos foi un exemplo de reivindicación do uso do galego e pola súa contribución á difusión da cultura no ámbito do noso concello”, facendo entrega despois ás propietarias desta librería que pechou o pasado mes de febreiro por xubilación, dun pequeno agasallo coma recoñecemento.  

Pola súa parte a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, destacou os vinte e sete anos desta feira do libro “fomentando a lectura, fomentando a nosa lingua, fomentando as nosas tradicións, e todo iso grazas á colaboración inestimable das librarías tudenses”. Tivo tamén palabras de recoñecemento para a Libraría Iris por “corenta anos de fomentar a lectura, de facer cultura literaria na nosa contorna e na nosa cidade”.

A poeta Mª José Areal agradeceu o convite para ser a pregoeira desta feira, relatando o significado que os libros teñen para ela relatando que “un libro é un bol de gaivotas, un bol de pombas, é un ceo estrelado na noite escura, son palabras irmandas que danzan coas nubes, co chan, que te enganchan, que te levan a outros lados, a outros mundos, que fan de ti unha persoa diferente…”. Tivo tamén palabras de referencia para Begoña Caamaño e remataba cunha apelación “sexa o libro protexido, desexado e bendito por todos os nos. Sexan os escritores acariñados,  lidos, e acompañados. Sexan os lectores verdadeiros críticos, esixentes e presentes”.

Ao longo da xornada a música estivo moi presente con Brais das Hortas co concerto “Comisión de festas” que conquistou ao público que cantou, bailou, participou e aplaudiu a súa actuación. Pola tarde Barriga Verde con “A nena e o dragón” logrou a complicidade dos máis pequenos e pequenos nunha historia interpretada con monicreques que seguiron con gran atención.

E para pechar a feira a nosa música tradicional foi a protagonista coas pandereteiras da Asociación Cultural Darraia para celebrar este Día das Letras Galegas dedicado a Begoña Caamaño.  

A XVII Feira do Libro Galego forma parte do programa Tui en Letras que continuará ao longo desta semana.