Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui celebra unha homenaxe a Faustino Rey Romero os vindeiros días

23/11/2011

A cidade de Tui desenvolverá nos vindeiros día unha homenaxe ao crego e poeta Faustino Rey Romero. Esta mañá foi presentado este programa pola concelleira de Cultura do Concello de Tui, Vanesa Rodríguez Pereira, xunto ao representante do colectivo Levada Libre, Javier González Vázquez.

Para Javier González este acto era unha vella débeda da cidade de Tui cara D. Faustino e amais preténdese reforzar a solicitude xa presentada polo colectivo Levada Libre diante da Real Academia Galega para que se lle dedique un “Día das Letras Galegas” a este crego e poeta. Pola súa banda, Vanesa Rodríguez Pereira sinalou o acerto desta iniciativa cultural que promove o coñecemento entre os tudenses deste escritor tan relacionado con Tui e que reforza a actividade cultural da nosa cidade; engadiu que o Concello está aberto á colaboración coas iniciativas de interese que realizan colectivos e asociacións, como neste caso con Levada Libre.

 

O programa de actividade sé o seguinte:

  • Mércores día 23 de novembro de 2011 – 19,30 h.
    • Sala: Félix Rodriguez da Área Panorámica.
    • Conferencia – Coloquio sobre a vida e obra poética e literaria de D. Faustino Rey Romero, a cargo do filósofo e estudioso da súa obra, o rianxeiro, o profesor D. Xosé Ricardo Losada, e Victoria Álvarez Fernábdez, de Amorín, que falará de anécdotas da súa estadía nesta parroquia.
  • Venres día 25 de novembro de 2011 . 19,30 h.
    • Primeira parte.
    • Na igrexa de San Domingos:
    • Un acto cultural, no que intervirán alumnos dos dous institutos da cidade e personalidades da cultura galega, declamando os seus poemas, intercalando música a cargo de alumnos do conservatorio tudense e cancións e bailes, interpretados polo grupo de “Voces ceibes” e o grupo folclórico de baile de Paramos e Baldráns. E a participación do músico e compositor Miguel de Santiago co seu trío de harmónicas “Son do mar”
    • Segunda parte: E xa despois do acto primeiro nos xardíns da Media Lúa, preto de Sócrates, descubrimento do monumento conmemorativo.

 

Faustino Rey Romero

Naceu en Santa María de Isorna (Rianxo), e estudiou para cura no seminario de Tui. Ordenouse en 1948, e foi párroco en dúas freguesias do Baixo Miño, concretamente Amorin e Curras, e coadxutor na parroquia tudense de A Guía – Randufe, residindo na cidade de Tui moitos anos, onde era moi aprecido. Licenciouse en Teoloxia en Salamanca.

No 1966 a trasladarse a Buenos Aires, onde exerceu na parroquía de Balbanera, e onde morreu, de accidente segundo as nosas noticias non comprobadas no ano 1971.


Publicou a “Teoría general de la existencia” e tamén en castelán, entre outros: “Florilegio poético” (1949) e “El ángel descielado” (1961). En galego, deu ó prelo “Doas de vidro” (1951), “Catro sonetos ó destino dunha rosa” (1952), “Escolanía de merlos” (1959), e “Poema das materias sagras” (1960).


A poesía de Rey Romero ten unha especial tenrura franciscanista. Na “Escolania de merlos” constrúe uns sonetos de gran perfección e domina o hendecasilabo como moi poucos poetas da nosa lingua o fixeron. Do “Poema das materias sagras” di Méndez Ferrín: "...semella próximo á poesía católica de Paul Claudel e presenta unha excelente tersura formal e unha ousadía, por veces grande, na creación de imaxes e relacións culturais".

 

Foi membro da Real Academia Galega.