Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui celebra o domingo o XIX Festival Popular do Meixón

12/04/2007

Tui celebra o domingo o XIX Festival Popular do Meixón
Poranse á venda mil racións ao prezo de 40€ na rúa Compostela

Este domingo 15 de abril celebrarase o XIX Festival Popular do Meixón baixo a organización do Concello de Tui, e no marco das Festas de San Telmo.

O Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, e o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez explicaron esta mañá en rolda de prensa os detalles do festival.

Esta cita gastronómica celebrarase a partir das 11.30h da mañá na rúa Compostela baixo unha carpa instalada para tal fin. As raíñas da festas, as que se quere dotar de maior protagonismo, serán este ano as responsables da inauguración. Poranse a venda 1000 racións ao prezo de 40 euros, nas que se inclúe 100gr de meixón en cazola conmemorativa, acompañada de pan, e viño albariño Remesal servido en cataviños.

Ao igual que aconteceu o ano pasado o Concello aposta de novo pola súa profesionalización e será a empresa de restauración de Jorge Lorenzo, a responsable de preparar as racións nas tres cociñas que se habilitarán e de servilas aos comensais que se acheguen até o Festival.

O número de racións volve diminuír por segundo ano consecutivo, servíndose 500 menos que o ano pasado, segundo explicaba o Alcalde porque a demanda é menor pola carestía do produto. Pese a este feito o Concello aposta por seguir mantendo o Festival “porque non se debe perder” dicía o Concelleiro de Cultura engadindo que “é un luxo porque é un Festival moi caro”. Así se reflicte no orzamento que supera os 60 mil €.

Para afrontar este gasto o Concello conta coa axuda da Deputación de Pontevedra e de Turismo Rías Baixas, así coma do Centro Comercial Haley e dos supermercados Froiz que aportan o aceite. Sen embargo o Alcalde lamentaba que de novo este ano a Xunta non colabore coma facía con anterioridade a Dirección Xeral de Turismo ao ser as Festas de San Telmo declaradas de Interese Turístico Galego.