Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui celebra o 8M co lema “Somos e seremos as loitadoras”

3/03/2021

O venres preséntase o III Plan Municipal de Igualdade e o luns celébrase o acto institucional

“Somos e seremos as loitadoras” é o lema co que este ano o Concello de Tui vai celebrar o 8M, Día Internacional da Muller. O obxectivo é visibilizar e lembrar a algunhas das mulleres que ao longo da historia acadaron os dereitos dos que hoxe gozan, pero tamén a reivindicación que as mulleres seguen a realizar en prol da igualdade real.

O programa de actividades previsto comeza este venres, 5 de marzo, ás 12 h na casa do concello coa presentación do III Plan de Igualdade de Oportunidades entres homes e mulleres do Concello de Tui.  Un plan que foi aprobado por unanimidade en pleno o pasado mes de decembro. A presentación, que terá lugar no salón de sesións, con aforo limitado, correrá a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, da concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, e da técnica redactora do Plan, Laura Seara, quen fóra secretaria de Estado de Igualdade.

O luns, 8 de marzo, ás 12 h, no edificio da praza da Inmaculada desenvolverase o acto institucional que, debido ao limitado do aforo, será retransmitido en directo pola canle de Youtube do Concello de Tui.  No mesmo 6 mulleres darán lectura ao manifesto “O persoal é político” reivindicativo da axenda femininista en distintos ámbitos. Amais a pedagoga Teresa Domínguez dará lectura a un poema da súa autoría para a ocasión, e as alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Tui, Dafne Piñeiro e Lourdes Quintela, porán a nota musical a este evento. O acto abrirase coa proxección do audiovisual “Únete á R-Evolución nos coidados” que rende homenaxe ás mulleres que estiveron en primeira liña durante a pandemia, e que ao tempo constitúe unha reivindicación do valor dun traballo absolutamente feminizado e invisibilizado no que urxe promover a corresponsabilidade.

Amais deste eventos está prevista a colocación de lonas reivindicativas en rexeitamento das violencias machistas nos espazos públicos deportivos, en colaboración coa concellería de Deportes.  “Aquí xogamos contra a violencia machista. O mellor resultado é cero violencia” é a mensaxe impresa, acompañada de imaxes de rostros femininos en memoria daquelas mulleres que xa non están.  

Tamén distintos carteis co lema “Somos e seremos as loitadoras” serán colocados en distintos espazos no centro urbano. O programa completarase con outras actividades ao longo do mes de marzo que serán anunciados proximamente.