Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui celebra as Letras Galegas coa XI Feira do Libro Galego

16/05/2008

Tui celebra as Letras Galegas coa XI Feira do Libro Galego

Haberá 24 postos de exposición e venda de libros e actividades de animación

Xoves, 15 de maio de 2008. O Paseo da Corredoira, lugar onde naceu Xosé María Álvarez Blázquez, escritor a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, acolle este sábado 17 de Maio a XI Feira do Libro Galego organizada pola Concellería de Cultura de Tui coa colaboración das librarías Byblos, Iris e Valverde.

A inauguración terá lugar á 12 do mediodía a cargo da escritora e profesora Marga do Val. Ate ás dez da noite haberá 24 postos de exposición e venda de libros galegos a cargo das librarías colaboradoras, no que terán presenza destacada os escritos por Xosé María Álvarez Blázquez. Haberá tamén un posto da Biblioteca Municipal informando sobre este servizo e outra da Radio Municipal que emitirá en directo pola mañá dende a Feira.

A longo do día desenvolverase un amplo programa de actividades de animación que comezarán pola mañá, trala inauguración cun recital de poesía de poemas de Álvarez Blázquez a cargo da Asociación de Amigos da Poesía do Baixo Miño e outros escritores e poetas, e logo coa actuación do grupo folclórico “Xuntanza” de Randufe.

Pola tarde a actividade retomarase ás 16h con “O Contador”, trátase dun cubo de tres metros de lado, instalado en espazos públicos, Tui é unha das trinta localidades galegas onde esta presente, no que se elabora un conto colectivo. Partindo dun comezo provisto polo propio Contador, cada participante narra unha parte da historia coa única referencia do fragmento de relato inmediatamente anterior, o que pode dar lugar a derivacións máis ricas e divertidas. Co Contador, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende promover o uso da lingua galega nos lugares públicos, fomentar a creatividade e asociar o idioma propio do país ao uso das novas tecnoloxías, ademais de aproveitar a riqueza oral do idioma e o talento dos galegos e das galegas como contadores de historias. As historias estarán logo dispoñibles na web www.galegoelogo.com

A partir das 17h realizaranse visitas guiada ao Roteiro Xosé María Álvarez Blázquez que parte da casa natal na Corredoira para percorrer distintos lugares vinculados ao escritor homenaxeado este ano.

De 18 a 20h Troula Animación fará xogos populares cos máis pequenos en seis carpas cada unha delas dirixidas por un monitor e dedicada a un xogo como xogatira, carreira de sacos, xogos con paracaídas, diábolo, e zanco, e cun monitor responsable. Ás 18h actuará o grupo folclórico “O Mosteiro de Pexegueiro” e ás 20h haberá contos tradicionais con “Codia e Miolo”.

A Feira do Libro Galego foi presentada esta mañá polo Alcalde, Antonio Fernández Rocha, o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, e Maruchi Valverde e Cristina García González en representación das librarías participantes. A XI Feira do Libro Galego conta un orzamento de 4 mil euros.

O Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, destacou nesta presentación, que por primeira vez esta actividades é denominada coma Feira do Libro Galego, ao seren recoñecida coma tal pola Consellería de Cultura. Algo que dicía é froito do traballo realizado pola Concellería de Cultura de Tui. Destacou amais o rexedor tudense que “o libro é o mellor amigo do neno” e deixou constancia do seu agradecemento ás libreiras presentes na feira xa que sen elas non se podería realizar.

O Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, insistiu no agradecemento as librarías participantes e destacou as actividades de animación que de forma paralela se van celebrar, xa que dicía, “son necesarias para o bo desenvolvemento da feira”. Ao tempo avanzaba que o sábado a Consellería de Cultura repartirá de xeito gratuíto 200 exemplares de “Prazas do lector”.

Por último, Maruchi Valverde, en representación das libreiras participantes, destacou a evolución da feira ao longo destes once anos. Indicou que nos postos de exposición e venda haberá libros de literatura, medicina natural, contos infantis... en definitiva dicía “libros público de 3 a 90 anos”. Remataba convidando ao público a participar nesta Feira do Libro Galego.

Tui – XI Feira do Libro Galego

-

Sábado 17 de maio – Día das Letras Galegas

-

No Paseo da Corredoira

-

De 12 a 22

o

24 postos de venda e exposición de libro das librarías Byblos, Iris e Valverde

-

Programa de actividades

o

Ás 12 inauguración, recital de poesía e actuación do grupo folclórico Xuntanza de Randufe

o

Ás 16 O Contador

o

Ás 17 Visita guiada ao roteiro Xosé María Álvarez Blázquez

o

De 18 a 20h Xogos populares para nenos con Troula Animación

o

Ás 20h Actuación de “Codia e Miolo” contos tradicionais para nenos

-

Organiza: Concellería de Cultura