“Tui Capital do Camiño Portugués” ofrece música e danza para celebrar o Día de Santiago Apóstolo
O dúo Doa e Marta Alonso Tejada actuarán este sábado e domingo respectivamente
A festividade do apóstolo Santiago, o sábado 25 de xullo, centra as actividades que o Concello de Tui organiza nas videiras xornadas reivindicando o papel que a cidade de Tui desenvolve como “capital do Camiño Portugués a Santiago” que está a percorrer un número crecente de peregrinos, que no pasado ano superaron xa as cen mil persoas procedentes dos cinco continentes.
O Concello de Tui segue coidando da condición xacobea da nosa cidade, da súa tradicional hospitalidade na acollida aos peregrinos así como da súa vocación cultural cunha oferta cultural, nesta oportunidade centrada na música e na danza.
Así, este sábado, 25 de xullo, a igrexa de San Domingos acolle o concerto de “Doa Dúo” con Susana de Lorenzo (voz, harmonium, percusión) e Xoán Piñón (guitarra acústica / eléctrica). Doa é un dos grupos referentes de Galicia, pioneiro xa dende á década dos 80. O seu folk de vangarda integra tendencias musicais diversas nas súas composicións e arranxos da música popular (de Galicia e outros países) dun xeito persoal e heterodoxo. Estas características imprimen ao grupo unas formas musicais propias que irán conformando o seu estilo en anos sucesivos. O seu repertorio céntrase na lírica medieval galego-portuguesa, pola que apostou xa fai máis de 40 anos: Martín Códax, Pero Meogo, Mendinho, Alfonso X O Sabio… DOA actuou por toda Galiza así como en Estados Unidos e Canadá. O concerto comeza ás 20.30 horas na Igrexa de San Domingos con entrada libre.
Marta Alonso Tejada trae a Tui "Sofá", xunto a Pablo Reboleiro, unha peza que mestura teatro, danza e acrobacia, que fala das relacións de parella nesta época que nos tocou vivir desde a súa experiencia. Unha obra fresca, viva e tensa e con moito humor, desenvolvida no seu salón da casa, arredor do sofá. Traballando a través do contacto físico e emocional, grazas á singular percepción do movemento da Cía Sharon Fridman, SOFÁ é unha aposta pola linguaxe do tacto, a beleza do particular e a capacidade do baile para elevar o cotián ao sublime. Este espectáculo terá lugar este domingo, 26 de xullo, ás 20.30 horas na Alameda de Tui.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello tudense, Sonsoles Vicente Solla, explica que estas actividades amplían e diversifican a oferta cultural tudense neste mes de xullo, ao tempo que nos ofrecen a posibilidade de participar nestes concertos en lugares de grande interese patrimonial e paisaxístico como é a igrexa de San Domingos e a alameda de San Domingos.
Ambos espectáculos forman parte da 14ª edición do programa Cultura no Camiño, circuíto escénico e musical aberto aos concellos polos que discorren as rutas xacobeas en Galicia, que promove a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.





