Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acollerá unha "Semada do Libro e a Lectura" do 18 ao 24 de maio

28/03/2008

TUI ACOLLERÁ UNHA SEMANA DO LIBRO E A LECTURA ENTRE O 18 E O 24 DE MAIO 

O Concelleiro de Cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, participou hoxe en Santiago de Compostela no acto de presentación das “Semanas do Libro e a lectura” que organiza a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia e que por ver primeira desenvolveranse na cidade de Tui entre os días 18 e 24 de maio.

Trátase dunha semana chea de actividades dedicadas a promover a lectura e a literatura entre os escolares, os profesores, as nais e pais e o público en xeral. O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, deu a coñecer hoxe este programa organizado pola Consellaría de Cultura e Deporte coa coordinación da Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a colaboración dos concellos.

A primeira das Semanas abrirase este domingo 30 de marzo ás 12 horas en Oleiros, onde se desenvolverá ata o 5 de abril. Seguirán as Semanas de Viveiro (9 a 15 de abril), Carballo (20 a 26 de abril), Monforte (4 a 10 de maio), Tui (18 a 24 de maio), Allariz (5 a 11 de outubro), Moaña (9 a 15 de novembro) e Noia (23 a 29 de novembro). As Semanas concluirán en Barbadás, onde se celebrarán do 18 ao 24 de xaneiro de 2009. A Semana do Libro e a Lectura toma como referencia o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, polo que este ano terá como eixo temático o mar. Arredor deste tema desenvolveranse actividades participativas con carácter formativo e lúdico, e nas que os nenos e nenas de cada localidade xogarán un papel moi activo. 

O director xeral de Creación e Difusión Cultural destacou que "as Semanas enmárcanse no proxecto global de promover o libro e a lectura, cun conxunto amplo de medidas. Agardamos que máis de 50.000 persoas participen nas programacións nos diferentes concellos". Engadiu que na concesión destas Semanas tívose en conta a actividade cultural e de promoción da lectura e apoio ás bibliotecas que desenvolven os concellos participantes.

As actividades da Semana do Libro e a Lectura, informa o concelleiro tudense, inclúen obradoiros destinados ao alumando dos centros de educación primaria e secundaria, que abranguen aspectos moi diversos.  No decurso das diferentes semanas ofreceranse obradoiros de creación literaria e animación á lectura a cargo de Sabela Gago, Lucía Fernández e Antón Cortizas; de poesía creativa con Olga Patiño, Antía Otero e OQO; de ilustración con Xaquín Marín, Ana Pillado e Marisa Irimia; de banda deseñada con Kiko da Silva e José Tomás; de música con Antón Castro; de danza con Mercedes Prieto; de expresión teatral e monicreques con Jorge Castro, Títeres Cascanueces e Galitoon; de plastilina e globoflexia con Cristina Doporto e Ester Mourenza; de ambiente con Terranova; e de hiphop con Serxio Regos "García". Tamén haberá sesións de contacontos con Fátima Fernández, Celso F. Sanmartín, Charo Pita, Berrobambán e Trinke Trinke. Todas as actividades para o alumnado realizaranse pola semana en horario escolar.

En Tui xa houbo un primer encontro entre os organizadores e os centros de ensino para organizar a súa participación. Outra parte do programa está dirixida ao profesorado, co obxectivo de proporcionar estratexias para fomentar entre os seus alumnos o gusto pola lectura. Son actividades de dez horas de duración, cos títulos "Crear creadores", "As bibliotecas escolares", "A música e a literatura", Obradoiros de expresión teatral" e "Falan as autoras e os autores". Esta última actividade contará coa participación de escritores galegos como Rosa Aneiros e Ramón Caride. 

Os pais e as nais son os destinatarios dunha serie de charlas que se desenvolverán ao longo da semana en horario de tarde, e na que especialistas informaranos e aconsellaranos sobre as estratexias para crear ou consolidar a afección pola lectura nos nenos e mozos. O programa das Semanas do Libro e a Lectura complétanse con actividades abertas ao público xeral. Así será no caso das inauguracións, que correrán a cargo do grupo Migallas co espectáculo "Canta connosco!" e de Stranniki, que propoñen unha viaxe musical por cidades relacionadas co mar. As clausuras contarán con espectáculos de títeres e teatro infantil, con Os Quinquilláns coa obra "O Mago de Oz", Títeres Cascanueces con "A rúa das pantasmas" e The Pinga Teatro con "O rei dos mares". Ademais, todos os días haberá espectáculos de contacontos ás 18 horas. A proposta cultural complétase con tres exposicións: unha con libros infantís e xuvenís de editoriais galegas; outra de ilustradores e ilustradoras; e unha terceira de materiais elaborados polo alumnado de cada unha das localidades participantes.  

Para Moisés Rodríguez Pérez é un motivo de satisfacción a elección de Tui para acoller esta actividade que na nosa cidade coincidirá coas actividades programadas co gallo do Día das Letras adicado ao tudense Xosé María Álvarez Blázquez.