Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acollerá a nova planta frigorífica e centro de I+D de ORPAGU que estará plenamente operativa en 2022.

29/03/2021

Suporá un investimento de máis de 6 millóns de euros nunha parecela de algo máis de 7 mil m2. Creará 30 postos de traballo. 

A Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu) vén de adquirir os terreos precisos para a construción dunha planta frigorífica e centro de I+D no Parque Empresarial de Areas, en Tui.  Suporá un investimento de 6 millóns de euros e a creación de 30 postos de traballo. Estará plenamente operativa en 2022.

Tras a firma da compra dos terreos, o vicepresidente dos palangreiros, Antolín Verde, e a directora xerente de Orpagu, Juana Parada, desprazáronse ao pasado venres ao Concello de Tui, onde mantiveron unha reunión co alcalde, Enrique Cabaleiro, e o seu homólogo da Guarda, Antonio Lomba. Cos mandatarios abordaron distintos aspectos relacionados coa nova planta frigorífica.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou a importancia de que a maior asociación de palangreiros de Europa se estableza no polígono industrial de Tui, no Baixo Miño: “Estamos a falar dun dos investimentos máis importantes a nivel industrial dos últimos anos, para nós é un orgullo ser elixidos para a súa localización”. Así mesmo, subliñou a relevancia da empresa “para a dinamización do noso sector comercial e empresarial, polo que vai significar en canto a emprego e no sector servizos”. Cabaleiro quixo agradecer publicamente a Orpagu a súa aposta por Tui: “Sabemos que podería dispor doutras localizacións quizais máis cómodas e menos custosas”, á vez que aplaudiu a colaboración do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, “para que esta planta se construise no Baixo Miño”.

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, amosou o seu orgullo “como guardés e descendente de mariñeiros” ante o “paso de xigante” que deu a organización con sede na Guarda: “Creo que Orpagu é todo un símbolo, unha asociación que sempre se adianta aos tempos. E, se algo faltaba, era a capacidade de procesar aquilo que eramos capaces de traer a terra desde o mar, de darlle ese valor engadido ás súas capturas. Ese camiño empeza hoxe”, sinalou.

Antonio Lomba tamén recoñeceu que lle gustaría que a nave se construíse na Guarda: “Non puido ser, entendo os motivos e entendo que o illamento da Guarda é precisamente un deles. Necesitamos unha Guarda mellor comunicada. Esa é a única pena que me queda con este proxecto, aínda que entendo que a nivel comarcal todos gañamos”.

Coa construción desta planta ORPAGU dará un paso máis na xestión do produto que pescan. Dan resposta así á vontade dos seus socios de potenciar e diversificar a súa actividade.  Con este proxecto van xuntar nun só centro a conservación do produto e o desenvolvemento do I+D.

Dende ORPAGU explican que a procura do terreo para situar a nave frigorífica non foi tarefa fácil, dada a necesidade de espazo que require unha instalación como a planeada por Orpagu. Finalmente, a organización guardesa atopou a parcela adecuada en Tui, co que mantén a súa actividade no Baixo Miño, que era o obxectivo perseguido desde un principio.

Cun investimento de seis millóns de euros, a planta e centro de I+D situarase no parque empresarial de Areas, que conta cunha estratéxica situación polo seu acceso directo á A55 e á Vía Tui-A Guarda.  A nave albergará un almacén frigorífico con capacidade para 3.000 toneladas de peixe e unha aula de experimentación para traballar en novos produtos e formatos coa intención de chegar ao maior número de consumidores posible. 

Desde Orpagu, prevén xerar máis de 30 postos de traballo directos no Baixo Miño cando a planta estea a pleno rendemento, o que se estima que suceda no último trimestre de 2022. Coa premisa, ademais, de xerar traballo a longo prazo potenciando a cualificación dos empregados a través dun plan de formación específico no que colaborarán os concellos da Guarda e Tui.

A Organización de Palangreiros Guardeses involucrouse hai anos na comercialización dos seus produtos, así como nos seus procesos de transformación e a súa comercialización directa ao consumidor. O éxito da súa tenda e da venda online, así como a boa acollida das novas presentacións de peixe espada e atún, contribuíron a fortalecer a presenza da marca destes armadores tanto en España como no exterior (Estados Unidos, Reino Unido, Suíza, Dinamarca, Holanda, Portugal e Alemaña, entre outros).

A iniciativa de Orpagu, que conta con financiamento europeo e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, responde fielmente aos principais obxectivos que rexen a FEMP (Fondo Europeo Marítimo e de Pesca): axuda aos pescadores na transición á pesca sustentable; colaboración coas comunidades costeiras para diversificar as súas economías; e apoio a proxectos que cren emprego e melloren a calidade de vida da poboación no litoral.