Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A traxectoria vital de Francisco Sánchez recollida nunha exposición en Tui

3/11/2023

A mostra forma parte dos actos conmemorativos do 400 aniversario do falecemento do pensador tudense

Dende hoxe venres, 3 de novembro, a Sala Municipal de Exposición do Concello de Tui acolle unha exposición dedicada á figura do egrexio médico e filósofo tudense Francisco Sánchez, coincidindo co cuarto centenario do seu falecemento, o 16 de novembro de 1623, na cidade francesa de Tolosa.

Esta mostra presenta a traxectoria vital de Francisco Sánchez, nado en Tui no ano 1550, cidade na que reside co seu pai, o médico Antonio Sánchez, ata como mínimo o ano 1564. Posteriormente, debido a súa condición de “cristiáns novos”, antigos xudeus convertidos ao cristianismo, deben migrar a terras francesas de Bórdeos.  Inicia a súa formación nesta cidade que completa en Roma e Montepellier onde se gradúa en Medicina. Nun autógrafo seu na inscrición na Universidade asina o 21 de outubro de 1573 como “Ego, Francisco Sanctius, Hispanus, natus in civitate Tudensi...” proba definitiva e irrefutable sobre o berce do pensador na cidade tudense. Posteriormente se instala en Tolosa, como médico e docente, ata a súa morte.

A figura de Francisco Sánchez salienta pola súa obra filosófica “Quod nihil scitur” (Que nada se sabe) que supón un precedente do pensamento de René Descartes ou do método científico de Francis Bacon. Resulta un autor moi salientable do pensamento europeo da segunda metade do século XVI, do renacemento europeo.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, acompañados por Laureano Alonso, que cedeu algún material vinculado a Francisco Sánchez que se expón na mostra, e polo ilustrador Andrés Lamas,  realizaron esta mañá un percorrido pola mostra que pode ser visitada polo público até o 30 novembro de luns a venres de 9 a 14 h e de 15.30 a 20.30 h e os sábados de 9 a 13 h.

Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, esta exposición permite un achegamento á figura deste pensador tudense, un dos principais representantes da filosofía europea do século XVI. Engade que con motivo deste centenario dende o Concello de Tui búscase divulgar a súa obra e traxectoria.

Pola súa banda o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta a importancia desta exposición, ao igual que dos actos previstos nos próximos días, para dar a coñecer a figura deste tudense universal.

Exposición “Debuxando o Tui xudeu”

Paralelamente, a mesma Sala Municipal de Exposicións acolle unha escolma dos debuxos realizados, o pasado mes de setembro, no encontro realizado en Tui polos grupos de urban sketchers co lema “Debuxando o Tui xudeu”. Un total de 42 debuxos, realizados por algúns dos participantes neste evento, recollen diversos lugares do conxunto histórico tudense realizado in situ ao longo daquela xornada cunha multiplicidade de técnicas.