Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Teatro Galileo abre a programación cultural no Teatro Municipal de Tui con “O Avaro” de Moliere

20/02/2008

Teatro Galileo abre a programación cultural no Teatro Municipal de Tui con “O Avaro”

A cita será este venres ás 21h 

Mércores, 20 de febreiro de 2008. 

Este venres comeza a programación cultural de 2008 no Teatro Municipal de Tui que organiza a Concellería de Cultura. Teatro Galileo, de Sada, será a primeira compañía en subir a este escenario neste semestre para levar a escena o clásico de Moliere “O Avaro”.  

Nesta obra drama e comedia mestúranse a partes iguais para achegarnos á historia de Harpagón, un personaxe dominado pola avaricia. Isto faino enfrontarse cos seus fillos, que pasan a converterse nun obstáculo para que poida lograr os seus apaixonados obxectivos.  

Pedro Rubín  está ao fronte da dirección da obra, cuxo elenco está formado por César Cambeiro, Teresa Horro, Ana Santos, Raúl Varo, Marita Martínez e Xosé Baño “Tanas”. Destaca amais o traballo feito por Rodrigo Roel na escenografía a por Eduardo Alonso na iluminación. 

Teatro Galileo ten levado a cabo 17 espectáculos dende que comezou a súa carreira en 1991.  Coma neste caso ten apostado outras veces polos clásicos levando a escena textos coma “A esperar por Godot” de Beckett xunto a outros de Víctor Hugo, Cervantes ou Goldini. 

A cita con “O Avaro” será este venres, ás 21h, no Teatro Municipal de Tui. A obras está recomendada para público adulto a partir dos 14 anos, e ten unha duración de 95 minutos. As localidades póñense á venda na billeteira do teatro o venres ás 16.30h ao prezo de 4,5€, 3,5€ con desconto e 2,5€ os menores de 12 anos. 

Teatro Galileo con “O Avaro”Data: Venres 22 ás 21h

Lugar: Teatro Municipal de Tui

Prezos:  4,5€ - 3,5€ con desconto – 2,5€ os menores de 12 anos