Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Teatro do Atlántico representa "A bombilla máxica" de Woody Allen o venres no Teatro Municipal

21/11/2007

Teatro do Atlántico representa “A Bombilla Máxica” de Woody Allen

A función comezará o venres ás 21h no Teatro Municipal de Tui  

Mércores, 21 de novembro de 2007. “A bombilla máxica” é o título da obra que este venres representa no Teatro Municipal de Tui, ás 21h, Teatro do Atlántico, dentro da programación cultural da cidade.  As entradas estarán á venda a partir catro e media da tarde ao prezo de 4,5€, 3,5€ con desconto e 2,5€ para os menores de 12 anos. Trátase dunha comedia baseada no texto escrito por Woody Allen nos anos 80 no que retrata a familia Pollack. É unha mirada chea de humor sobre os conflitos cotiás dunha familia. O mundo da adolescencia, unha difícil relación de parella, o rexeitamento social...son algúns dos eixos sobre os que xira a trama que non queda exenta nin de maxia nin de ilusión. 

A posta en escena desta obra vén avalada pola longa traxectoria de Teatro do Atlántico creada en 1985 e con máis de 23 montaxe no seu haber, e polo amplo electo de actores galegos que soben a escena: Manu Fernández, Daniel Lago, María Barcala, Dami Contreras, Lucía Regueiro e Gonzalo Martín Uriarte. A dirección corresponde a Xulio Lago que conta coma axudante con Artur Trillo.  

Teatro do Atlántico con “A Bombilla Máxica”

Lugar: Teatro Municipal, r/Colón nº2 Tui

Data: Venres 23 de novembro  ás 21.00h

Xénero: Comedia

Duración: 100 minutos

Prezo: 4,5€ - 3,5€ con desconto – 2,5€ para os menores de 12 anos

Retirada de localidades dende ás 16.30h

Organiza: Concellería de Cultura de Tui