Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tanxarina Títeres este venres no Teatro con “Trogloditas”

9/11/2011

A función comeza ás 20h

 

A compañía redondelá Tanxarina Títeres regresa este venres, ás 20h, ao Teatro Municipal de Tui para pór en escena “Trogloditas”. Tratase dunha obra de monicreques e actores recomendada para público familiar a partir de 5 anos.

Durante os corenta e cinco minutos que dura a función Tanxarina lévanos ata o primeiro teatro da prehistoria, unha cova onde viven tres trogloditas. Da man dos monicreques e das súas primitivas habilidades imos coñecer a singular forma de vida dos nosos antepasados máis divertidos. Unha sorprendente ambientación, a orixinal linguaxe e unha prehistórica escenografía farán que o espectador perda durante a representación o sentido do tempo e do aburrimento. O resultado é un espectáculo cheo de humor e tolería.

“Trogloditas” está dirixido por Evaristo Calvo e o elenco está formado por Eduardo Rodríguez “Tatán”, Miguel Borines, e Andrés Giráldez.

Tanxarina Títeres é unha das compañías de monicreques máis prestixiosas e recoñecidas de Galicia.  Dende 1981 desenvolver o seu traballo na produción de espectáculos para todo tipo de públicos onde combinan diversas técnicas de animación de monecos co traballo actoral dos manipuladores.  Esta labor compaxínana coa participación dos actores en montaxes doutras compañías e mesmo en producións audiovisuais, así coma cunha variada proposta de cursos de construción e manipulación de títeres, marionetas máscaras e cabezudos para educadores, escolares e profesionais da animación socio-cultural.

Nestes trinta anos de traxectoria teñen actuado por toda España, en boa parte de Europa así coma en Latinoamérica pondo en escena os dezaseis espectáculos que teñen montado até o momento.

 

As entradas están á venda na web www.culturatui.info ao prezo de 3€ e 2€ ou no despacho de billetes o venres dende ás 18.30h.

 

Tanxarina Títeres con “Trogloditas”



Data: Venres 11  ás 20h



Lugar: Teatro Municipal



Venda de entradas na web www.culturatui.info ou venres dende ás 18.30h no despacho de billetes ao prezo de 3€  e 2€.