Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Suspendida a 1ª San Silvestre Popular de Tui

29/12/2021

A 1ª San Silvestre Popular de Tui que se ía celebrar este venres, 31 de decembro, pola mañá vén de ser suspendida ante a actual incidencia da covid tanto a nivel de Galicia, da Área Sanitaria de Vigo coma do propio municipio de Tui.

O Concello de Tui vén de acordar a suspensión desta proba non competitiva xa que suporía a reunión de máis de 350 persoas, que estaban xa inscritas, e tendo en conta a actual situación epidemiolóxica e o carácter non só deportivo senón tamén lúdico da proba, consideran que é a decisión máis acertada.

Esta 1ª San Silvestre estaba a ter unha gran aceptación coma demostra as máis de 350 persoas inscritas. Todas elas recibirán nas próximas horas un correo electrónico comunicando a suspensión deste evento deportivo.  

O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, agradece a acollida que esta carreira espertou, así do mesmo xeito que traslada o seu agradecemento ao Club Atletismo Tui, asociacións e empresas a colaboración prestada para a organización deste evento. Agarda que o próximo ano poida celebrarse en Tui unha San Silvestre.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explica que “dada a situación que nos atopamos e tendo en conta que tiñamos un alto número de inscritos, e aínda que é certo que a nivel oficial non se restrinxe a actividade deportiva, non é menos certo que a proba non so tiña un carácter deportivo senón tamén sobre todo, e tratándose do día 31, a finalidade é que tivese un compoñente lúdico, e con ese compoñente lúdico non se pode desenvolver, e sen ese carácter festivo perde significación e o máis sensato é a súa suspensión”.