Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Substituídas todas as luminarias da EDAR de Guillarei por tecnoloxía led de baixo consumo

21/04/2023

O Consorcio de Augas do Louro reduce así nun 60% o consumo eléctrico e en 8,5 toneladas as emisión e CO2 á atmosfera

O Consorcio de Augas do Louro, do que forma parte o Concello de Tui, xunto aos de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas, vén de renovar os sistemas de iluminación na EDAR de Guillarei. En concreto foron substituídos todos os farois exteriores, tubos e proxectores existentes por outros de tecnoloxía led de baixo consumo. A actuación levouna a cabo Aqualia dando cumprimento ao acordo adquirido co Consorcio.

Esta renovación supón o cambio dun total de 639 luminarias nos diferentes edificios e nas zonas exteriores da Estación Depuradora de Augas Residuais, e con ela estímase que se acada un aforro do 60% no consumo eléctrico, á vez que se aumenta a vida útil das luminarias e se reduce a xeración de residuos, evitando así a emisión de ata 8,5 toneladas de CO2 á atmosfera.

A EDAR de Guillarei mellora así a súa sostibilidade e tamén a calidade da iluminación, aumentando a seguridade do persoal que desenvolve o seu traballo na instalación.