Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Seis espectáculos inician a programación de 2022 no Teatro Municipal

27/01/2022

A Panadería fará en Tui a estrea nacional da súa nova montaxe, e Manuel Madarnás presentará por vez primeira en concerto o seu primeiro disco

O Teatro Municipal de Tui abre a programación de 2022 con seis espectáculos a celebrar entre o 4 de febreiro e o 18 de marzo. Teatro e música son os dous eixos desta proposta cultural da que a metade dos eventos van dirixidos a público infantil  e a outra metade a público adulto. O teatro tudense terá o 85% do aforo e contará cun protocolo covid nunha aposta pola cultura segura. As entradas para todos os espectáculos poranse á venda o próximo martes, 1 de febreiro, ás 21h a través de www.tui.gal. Os prezo en función do evento oscilan entre os 10 € e os 3€.

Nesta programación figura a estrea nacional da obra “As que limpan” da Panadería Teatro en coprodución co Centro Dramático Nacional. A compañía fará residencia no teatro tudense, dende o luns 31 de xaneiro ao 11 de febreiro, previa a posta en escena desta obra o venres 11 de febreiro ás 21 h. Unha obra na que Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, coma autoras, directoras e actrices, abordan, en forma de comedia, a loita organizada das  limpadoras de pisos por conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos.

Tamén estrea será o concerto que o músico Manuel Madarnas ofrecerá o venres, 4 de marzo, ás 21 h para presentar o seu primeiro traballo discográfico “laMMarca”. En directo presentará os temas deste seu primeiro albume en solitario co que busca pór en valor a música instrumental.

A terceira das propostas para público adulto será o venres 18 de marzo, ás 21 h, con “A lingua das bolboretas” de Sarabela Teatro que recibiu catro premios María Casares, entre eles o de Mellor Espectáculo. Gonçalo Guerreiro dirixe esta obra baseado no libro de Manuel Rivas. Sobre o escenario estarán Elena Seijo, Josito Porto, Fran Lareu, Fernando Dacosta, Sabela Gago e Fina Calleja

A primeira cita para público infantil será o venres, 4 de febreiro, ás 19 h coa compañía Elefante Elegante que abrirá esta programación coa posta en escena de “Cubo”.  É unha obra de teatro xestual dirixida e protagonizada por María Torres e Gonçalo Guerreiro.  O venres 18 de febreiro, tamén ás 19 h, Culturactiva presenta “Rosalía” unha representación que recolle a autora de “Cantares Gallegos” cando era nena, e coa que se conmemora o “Día de Rosalía”. Nate Borrajo é a autora desta obra que dirixe Fina Calleja e interpretan Cristina Collazo e Rocío González.

Por último, para público infantil, o venres 11 de marzo, ás 19 h, Charo Pita achegará o seu espectáculo musical “No pais do vento”. Un concerto no que participarán tamén María Faltri, Jorge Juncal, Javier Fernández e Juansi Santomé.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, amosa a súa satisfacción por poder presentar unha nova programación cultural para comezar este ano 2022, insistindo no feito de que “a cultura é segura”. Unha vez máis o público de todas as idades, dende os cativos, aos maiores, poderá gozar de espectáculos en directo neste caso con especial presenza do teatro e a música, e con todas as medidas de seguridade.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indica que “mantemos a aposta pola cultura” cunha programación que nos singulariza pola súa calidade e variedade, e que ao longo destes anos ten contado co aplauso do público.  Nesta ocasión amais con dúas estreas no teatro tudense da compañía A Panadería, e do músico local Manuel Madarnás.

Cartel - Programación Teatro Municipal de Tui 1-2022

Normativa e Protocolo COVID Teatro Municipal 2022