Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A saúde mental no sector musical será un dos temas a abordar nos faladoiros do MUMI

30/08/2023

Cinco faladoiros nos que se abordarán temas cruciais para a industria musical neste momento serán os que se celebren o venres 22 e o sábado 23 na Eurocidade Tui-Valença dentro do MUMI.  A zona profesional estará situada nas instalación da Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença.

O venres 22 ás 10.30 h o director de licencias de Altafonte, Manuel Pena, falará sobre A comercialización dixital da música. Posteriormente ás 13.00h, Manuel Alonso, xerente de Músicas ao Vivo (MAV) e Patty Castro, membro da directiva de MAV, debullarán as Claves para a contratación artística transfronteiriza nun encontro no que tamén se falará do asociacionismo musical en Galiza. Xa ás 15.30 h abordarase Como conseguir audiencias para músicas non maioritarias. 

O sábado ás 10.30 h o primeiro faladoiro centrarase na saúde das persoas que traballan no sector musical e na cultura en xeral. O director da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural  (AGPXC), Carlos Lorenzo, presentará o proxecto Coidar de nós, para coidar da cultura, no que se abordan as dinámicas tóxicas do sector e as súas consecuencias na saúde mental e tamén física de artistas e profesionais do ecosistema cultural. O derradeiro dos faladoiros, ás 13 h, será a quenda das Experiencias culturais con fondos europeos, coa exposición de Miguel Ângelo e Fernando Sousa, xestores da axencia musical portuguesa SOUNS GOOD. Falarán  das posibilidades que se abren cos programas de axudas ao sector cultural da Unión Europea a partir da súa propia experiencia na formulación e xestión do proxecto MARIMBA, no que ademais de Portugal participan outros países da lusofonía como Angola, Guiné-Bissau, Moçambique e Timor-Leste, e que recibiu apoio por valor de cerca de un millón de euros do programa europeo PROCULTURA. A programación de faladoiros conta co apoio especial da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e a Deputación de Pontevedra.

Lembramos que o MUMI, o Encontro Profesional de Músicas,  vaise celebrar do 21 ao 24 de setembro na Eurocidade Tui-Valença  cun programa completo dispoñible en mumimusicas.eu. As empresas e profesionais da industria da música de Galiza e Portugal terán a oportunidade de programar encontros profesionais dentro da axenda de speedmeetings e de asistir a sesións de traballo onde se tratarán asuntos que ocupan e preocupan ao sector. Cómpre lembrar que as inscricións profesionais para o MUMI 2023 continuarán abertas en mumimusicas.eu  até o inicio do encontro. Na programación amais das actividades para profesional o público en xeral poderá gozar tamén con showcases de artistas galegos e portugueses ao longo dos tres días do evento.