Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Sala Municipal de Exposición acolleu 20 mostras ao longo do ano 2007

26/02/2008

A SALA MUNICIPAL DE EXPOSICIÓNS DO CONCELLO DE TUI ACOLLEU 20 MOSTRAS AO LONGO DO ANO 2007  

A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolleu un total de 20 exposicións ao longo do pasado ano 2007, amosando unha intensa actividade promovida dende a Concellería de Cultura do Concello de Tui. Para o seu responsable, o concelleiro Moisés Rodríguez Pérez, esta balance é altamente positivo pois acredita o importante pulo realizado neste espazo expositivo tudense que ao longo do pasado ano ten acollido un elevado número de actividades expositivas caracterizadas pola súa diversidade e por un criterio de calidade.  

Tres eixos conforman a actividade desta Sala Municipal de Exposicións: amosar a produción de artistas tudenses (caso no pasado ano das obras de Álvaro Álvarez Blázquez, Rafael Calvo de Mora, etc.) o de artistas foráneos que recollen a Tui na súa produción (como foi o caso de María del Carmen Arenas). En segundo lugar, a relación co Portugal é un punto central na actividade desta Sala (así ao longo do ano 2007 amais da exposición da Bienal de Cerveira, puidemos contemplar a obra de Orlando Pompeu, Carlos Oliveiras ou dos artistas de Boticas). Finalmente, a colaboración con entidades e colectivos tudenses é outra referencia na actividade expositiva (no pasado ano, coa Cámara de Comercio, a Asociación Pinga Doce, o Grupo Filatélico Tudense, A Asociación de Amas de Casa, o Centro de Formación do Profesorado...). Todo sen desbotar a presenza de mostras e exposición de carácter xeral pero de interese para a sociedade tudense ( “Ultreia, camiño de Santiago”, “Xente no camiño”, “Queremos coñecernos”, etc.). 

Como principais referentes da actividade desenvolvida no pasado ano 2007 temos de referirnos as seguintes exposicións:

-         “Tintas galegas: sobre a “Serigrafía Galega” de Álvaro Álvarez Blázquez” celebrada no mes de febreiro e que recollía unha escolma da produción de serigrafía artística promovida, nos primieros anos da década dos setenta do pasado século, polo tudense Álvaro Álvarez Blázquez, recuperando a súa obra para a nosa cidade.

-         “Artuistas: exposición colectiva de artistas tudenses” celebrada co gallo das festas patronais de San Telmo. Dende a súa inauguración o 7 de abril ata a súa clausura o 25 de abril de 2007 a exposición foi visitada por máis de dous milleiros de persoas que contemplaron as obras de trinta pintores e escultores tudenses, por nacemento ou residencia.

-         “Memoria Juan Oliveira” organizada pola Cámara de Comercio tudense para conmemorar o seu centenario e que abranguía a exposición das obras participantes no primeiro concurso de escultura “Memorial Juan Oliveira” e unha exposición antolóxica da obra do escultor tudense.

-          “Mediaçoes” que formaba parte das exposicións da Bienal Internacional de Vilanova de Cerveira artellada pola Escola Superior de Artes e Design (ESAD) de Matosinhos por encargo da XIV Bienal de Vilanova de Cerveira, estivo na Sala entre o 17 de agosto e o 29 de setembro. Esta mostra incidía no papel das novas formas e linguaxes artísticas vencelladas ás artes dixitais e multimedia, características do mundo contemporáneo.

-         “Xente no camiño” que reúne 54 cadros de Alfredo Erias. Esta exposición está organizada pola Excma. Deputación Provincial da Coruña que con gran interese posibilita que esta mostra se achegue ata Tui nun itinerario que anteriormente a levou a numerosos lugares de Galicia e mesmo ao Parlamento Europeo, na súa sede de Bruxelas. Esta exposición estivo aberta ao público na Sala Municipal de Exposicións, no edificio Área Panorámica, do 5 ao 31 de decembro. 

Amais das expresadas na sala municipal puidemos contemplar ao longo do pasado ano, entre outras, as seguintes exposicións:

-         de artistas tudenses: “Días extraños” de Rafael Calvo de Mora, “Xogos reunidos” de varios membros da familia Álvarez-Blázquez e “Evocaciones” de Maria del Carmen Arenas.

-         De artistas portugueses: “Río sen margems” de Orlando Pompeu, “A terra, a cor e o fogo” de Carlos Oliveira, “Boticas, a seduçao da montanha”

-         Temáticas: “Ultreia, o camiño de Santiago”, “Galicia conservando a natureza”, “Día da lactancia materna”, etc. 

Para Moisés Rodríguez Pérez, responsable da Concellería de Cultura tudense, trátase dun balance positivo pois o obxectivo de conseguir que esta Sala de Exposicións (que como espazo expositivo é valorado como un dos mellores da nosa Comunidade Autónoma) está amplamente acadado, pois a sala con esta intensa actividade ten contribuído eficazmente a complementar a oferta cultura tudense ao longo do ano 2007.