Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Representantes da Uned visitaron onte Tui para avanzar na creación da Aula da Uned

12/03/2008

REPRESENTANTES DA UNED VISITARON ONTE TUI PARA AVANZAR NA CREACIÓN DA AULA DA UNED

 Onte martes 11 de marzo cursaron unha visita á cidade tudense dous representantes da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) para continuar avanzando xunto co Concello de Tui na creación da Aula de Ensino a Distancia da Uned en Tui.

Estiveron presentes José Luis Prieto Arroyo, responsable da zona Noroeste, xunto con Gerino Calvo Maquieira, director do Centro Asociado da Uned de Pontevedra, que estudiaron xunto co Concelleiro de Cultura tudense, Moisés Rodríguez Perez, as posibles ubicacións deste Aula na nosa cidade.

Esta visita xorde logo que o Concello tivese que desbotar a sua pretensión inicial de ubicar este Aula no edificio Área Panorámica, tras os problemas legais existentes para a súa cesión á Uned.Logo da visita realizada a Tui no día de onte, ratificouse a vontade tanto dos representantes da Uned como do Concello tudense que apostan pola creación deste Aula da Uned en Tui, un lugar considerado estratéxico polos responsables da Universidade.

Ainda que o nome oficial é “Aula de Ensino a Distancia” non é propiamente un aula senón que, en esencia, é un espazo tecnolóxico que abrangue diversas instalacións: salón de actos, 3 ou 4 aulas de titorias presenciais, 1 ou 2 aulas de titoria a distancia con videoconferencia, espazo de videoteca e audioteca, aula de medios informáticos e un espazo para biblioteca. Para a Uned a apertura deste Aula en Tui contribuirá a espallar a súa oferta educativa tanto en ensino reglado (carreiras universitarias) como non-reglado (cursos de especialización, cursos de postgrao, master, etc.) a novos sectores de poboación.

Pola súa parte para o Concello de Tui a apertura deste centro facilitará o acceso dos veciños de Tui e a súa bisbarra á oferta de estudios universitarios e do curso de acceso para maiores de 25 anos, xunto a unha ampla oferta de actividades culturais e formativas que beneficiaran a toda a sociedade tudense.

Para o concelleiro Moisés Rodríguez Pérez é un motivo de grande satisfacción confirmar a implantación deste Aula de Ensino Superior a Distancia na nosa cidade pois posibilitará que moitos cidadáns tudenses, tanto mozos como doutras idades, poidan acceder a estudios superiores e completar a súa formación académica e profesional. Este Aula suporá para o Concello tudense un importante investimento económico pero que resultará, sen dúbida, de grande rendabilidade para a nosa sociedade.