Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Rede de Dinamización organiza a iniciativa "Memoria de muller" no Concello de Tui

11/06/2008


O Concello de Tui e a Rede de Dinamización da Sociedade da Información van desenvolver a iniciativa “Memoria de Muller” desde o 16 ata o 30 de Xuño

Con esta iniciativa preténdese recuperar a memoria, recordos e vivencias das mulleres da zona a través da creación dunha vídeo-montaxe empregando fotografías, son e a narración de voz.

Os obxectivos desta iniciativa son achegar ás mulleres as novas tecnoloxías e recuperar parte da memoria histórica, persoal e cultural do concello a través da testemuña e as imaxes das mulleres participantes da iniciativa.

O obradoiro comeza o luns 16 e terá lugar na Aula da Rede de Dinamización no Telecentro de Tui entre as 11:30 e a 13:00 e será impartido polo Dinamizador da Sociedade da Información do Concello de Tui.

A iniciativa da Rede de Dinamización da Sociedade da Información do PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información) é unha das estratexias fundamentais para o desenvolvemento das políticas de inclusión na S.I. e o desenvolvemento rural. A Rede de Dinamización da Sociedade da Información axudará a levar a cabo actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información. A Rede conta con 100 dinamizadores e dinamizadoras, espallados pola xeografía galega en diferentes entidades, que desenvolven charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital e outros de moi variada temática, adaptándose ás diferentes necesidades dos colectivos sociais tales como mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.

Pablo Lojo Rial

Rede de Dinamización da Sociedade da Información

Colon, 2 (A. Panorámica)

Telf: 986 601332

Enderezo electrónico: pablo.tui@dinamiza.sociedadedainformacion.eu

Para máis información sobre o proxecto pódese acudir ao portal web da Rede de Dinamización da Sociedade da Información: http://dinamiza.sociedadedainformacion.eu