Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Red de Juderías promove un novo portal educativo: Benjamín de Sefarad

8/02/2024

Nun esforzo por promover a comprensión e apreciación da rica historia e cultura xudía en España, a Red de Juderías pon en marcha un novo proxecto educativo: o portal Benjamín de Sefarad.

O portal benjamindesefarad.com  conecta a centros educativos en español de todo o mundo, ofrecendo ao profesorado unha variedade de ferramentas educativas para impartir clases que resalten a importancia da herdanza xudía en España. O novo portal convértese deste xeito nunha ponte virtual entre centros educativos, permitindo a profesores e estudantes explorar a historia e a cultura xudía dunha maneira interactiva e enriquecedora.

Como novidade, os centros poden converterse en Centros Asociados co obxectivo principal de xerar unha relación permanente que mellore os resultados e experiencias cada ano, que ofreza acceso a todos e en todo momento aos diferentes programas que iremos incorporando cada ano. Ademais, os profesores dos Centros Asociados terán acceso gratuíto aos cursos de formación ofrecidos pola Rede de Juderías de España, ampliando os seus coñecementos sobre a cultura xudía e o legado sefardí en todas as cidades asociadas.

Benjamín de Sefarad non só é un recurso educativo, senón un testemuño do compromiso da Red de Juderías na preservación e difusión da riqueza cultural de España, converténdose nunha xanela aberta á comprensión intercultural e a diversidade histórica.

O programa non se limita só ao ensino na aula; tamén contribúe ao fomento da lectura e a escritura. Como parte desta iniciativa, lanzouse unha nova edición do Concurso de Microrrelatos , dirixido a estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).Este concurso busca estimular a creatividade dos mozos, alentándoos a explorar temas relacionados coa cultura xudía e a importancia de coñecela e preservala. Nunha edición anterior un alumno do Colexio Maristas Santa María de Tui foi galardoado polo seu relato.

Para a concelleira de Turismo, Ana María Núñez, con esta nova oferta a Red de Juderías, da que o Concello de Tui forma parte dende 2019, amplía o seu espazo de traballo a prol da difusión do legado cultural e patrimonial das comunidades xudías no noso territorio tamén ao ámbito educativo con esta ferramenta de recursos para os profesionais da educación e tamén para os propios alumnos.