Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Red de Juderías de España fai balance e estuda novas accións na súa asemblea anual celebrada en Toledo

15/12/2022

A cidade de Monforte, unha das tres galegas que forman a rede xunto a Ribadavia e Tui, asume a presidencia en 2023

A cidade de Toledo acolleu a 62ª Asemblea Xeral da Red de Juderías de España. Na mesmo rematou a presidencia desta asociación por parte do alcalde de Lucena, Juan Pérez, que en 2023 será substituído polo alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé. Deste xeito Monforte, unha das tres cidades que integran a Red, sitúase ao fronte desta agrupación. O Concello de Tui estivo representado na asemblea pola concelleira Ana Maria Núñez Álvarez.

A xornada comezou coa visita guiada polos elementos patrimoniais xudeus máis importantes da cidade. Na asemblea, celebrada no Museo Sefardí de Toledo, fíxose un repaso ás accións que se levaron a cabo ao longo de 2022 nas principais áreas de actuación da asociación. Amais aprobouse o orzamento de actividades para o exercicio 2023 e estableceuse a necesidade de flexibilizar os criterios para unha ampliación de futuras posibles adhesións á Red de Juderías de España de novas cidades que contan nos seus municipios cun importante legado xudeu.

Nesta asemblea e no programa preparado pola cidade de Toledo contouse coa presenza dos alcaldes e concelleiros das cidades pertencentes á Asociación, acompañados pola directora do Museo Sefardí, Carmen Nogueiras, e o vicealcalde de Toledo, José Pablo Sabrido, que substituía á alcaldesa de Toledo, Milagres Tolón, que non puido asistir no último momento por enfermidade. Ademais, na cea de benvida contouse coa asistencia e intervencións da embaixadora de Israel en España, Rodica Radia-Gordon, a presidenta da Comunidade Xudía de Madrid, Estrela Bengio, e Israel Doncel Martín, responsable de Relacións Institucionais de Centro Sefarad-Israel, en cuxos discursos insistiron na mensaxe da oportunidade que as boas relacións entre as institucións propician para crear accións de respecto ás culturas, concordia e loita contra o antisemitismo.

A concelleira tudense, Ana María Núñez, realiza unha valoración positiva desta asemblea pois cos orzamentos dos que dispón a Red de Juderías estase realizando un amplo esforzo pola difusión e valorización do legado xudeu e sefardí en España, tanto a nivel nacional e internacional. Isto, indicaba a concelleira, contribúe á difusión do patrimonio xudeu que atesoura a nosa cidade e ao posicionamento de Tui como destino no ámbito do turismo cultural.