Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Radio Municipal de Tui, con 10.000 aíntes, é a emisora municipal máis escoitada de Galicia segundo o EGM

15/12/2006

A Radio Municipal de Tui é a emisora municipal máis escoitada de Galicia segundo o EGM
Na última oleada a RMT logrou 10 mil oíntes, unha cifra excepcional para unha radio deste tamaño

A Radio Municipal de Tui é unha das emisoras máis escoitadas na provincia de Pontevedra, e é a radio municipal máis escoitada de Galicia, segundo se desprende dos últimos datos feitos públicos polo Estudio General de Medios, EGM, referido á terceira ola do acumulado entre os meses de febreiro a novembro de 2006. Nesta enquisa de audiencia realizada a nivel galego a RMT aparece cun total de 10 mil oíntes diarios, unha cifra realmente importante, tendo en conta que o territorio abranguido para realizar a estatísticas é moito maior que o cobre a Radio Municipal.

Este dato supón un record absoluto de oíntes nos practicamente 15 anos que leva funcionando a emisora tudense, o seu teito até o momento estaba en 9 mil logrado nunha oleada anterior do EGM. E veñen confirmar a tendencia a alza da RMT que leva varios anos mantendo unha liña ascendente en canto ao número de oíntes, consolidándose coma referente a nivel comarcal.

Para o caso da Radio Municipal de Tui os datos do EGM, ao realizar a enquisa a nivel galego, son so indicativos da audiencia, xa que a mostra empregada non sería suficiente para obter uns datos reais ao 100% ou cun marxe de erro inferior ao 1% que o que se soe utilizar a nivel estatístico. É por iso que a valoración que se fai desta cifra é que a audiencia real supera con creces aos 10 mil oíntes reflectidos no EGM.

Dende a Radio Municipal de Tui, o seu director Jose A. Font Moldes, considera que esta importante cifra é o premio a unha labor colectiva e profesional, que enche de satisfacción a todas as persoas que fan posible a diario a súa programación radiofónica. A confianza depositada polos oíntes na RMT failles amais seguir traballando nunha aposta clara pola calidade, a información e para lograr maiores cotas de audiencia.

Moisés Rodríguez, coma Presidente do Consello de Goberno da Radio Municipal de Tui, quere expresar publicamente a súa satisfacción polo datos logrados pola emisora municipal na última oleada do Estudio General de Medios, EGM, que veñen confirmar a aposta feita dende o Concello de Tui, que agarda que continúe e aumente nos próximos anos.