Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Radio Municipal celebra o seu XV aniversario cun mes de actividades

2/06/2008

A Radio Municipal de Tui celebra o seu XV Aniversario cun mes de actividades

O 20 de xuño celebrarase un acto no Teatro no que se reunirá a máis dun centenar de colaboradores

Venres, 30 de maio de 2008. A Radio Municipal de Tui vai celebrar o seu XV Aniversario cun programa de actividades a desenvolver ao longo do mes de xuño. A emisora municipal iniciou as súas emisións o 16 de abril de 1993, e dende entón tense consolidado coma un dos medios de comunicación de referencia na comarca. Durante estes quince anos máis de 200 persoas, a meirande parte deles colaboradores, fixeron posible tanto da RMT, coma da Televisión Municipal de Tui que realizou as súas emisións durante oito anos.

O programa de actos foi presentado esta mañá polo Concelleiro de Medios de Comunicación, Jose Prada, o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, e o Director da RMT, Jose A. Font Moldes.

Moisés Rodríguez manifestou que “é importante para o Concello ter unha emisora municipal, que se consolidou coma unha radio punteira, de feito chegou aos 12 mil oíntes que é unha cifra histórica para unha radio municipal”. Ao tempo agradeceu a labor tanto do persoal contratado coma dos colaboradores, xa que estes 15 anos son mérito de todos, dicía.

Jose Prada pola súa banda destacaba que “este é un día importante para Tui porque ter unha radio coma a Radio Municipal de Tui un prestixio moi grande”. Engadía que “estou moi a favor da Radio Municipal e da súa independencia”.

Jose Font, director da RMT explicou que “ ás 200 e moitas persoas que pasaron por esta emisora nestes quince anos é para min o gran éxito desta radio, é o noso maior capital”. Explicaba ao tempo que estes días estase a localizar a todos estes colaboradores e “contestan con ilusión á nosa chamada, e din que farán o posible por estar aquí, porque o pasaron ben e foi unha época moi bonita”.

Un dos obxectivos deste aniversario, é precisamente, reunir a todos aqueles que aportaron o seu gran de area para facer posible tanto a Radio coma a Televisión, por este motivo o día 20 de xuño ás 21h, no Teatro Municipal, vaise desenvolver un acto aberto ao público en xeral no que se reunirá máis dun centenar de colaboradores. No mesmo contarase coa actuación do Cuarteto Caramuxo creado en Vigo en 1990, e proxectarase un vídeo con imaxes destes 15 anos.

Conferencia de Ángeles Caso o mércores día 4 ás 20.30h

O programa de actos comezará o próximo mércores día 4 de xuño, ás 20.30h, no Teatro Municipal de Tui, cunha conferencia a cargo da xornalista Ángeles Caso titulada “Las olvidadas. Una historia de mujeres creadoras”. Esta actividade desenvólvese grazas a colaboración entre Caixanova e o Concello de Tui.

Ángeles Caso fixo xornalismo escrito, radiofónico e televisivo, presentando os informativos da TVE. Traballou posteriormente en institucións coma a Fundación Príncipe de Asturias. Realiza tamén unha inxente produción literaria sendo finalista en 1994 do Premio Planeta con “El peso de las sombras” e en 2000 gañou o premio Fernando Lara de novela con “Un largo silencio”.

Na conferencia que ofrecerá o mércores en Tui abordará a vida dun grupo de mulleres que escaparon ás normas e trataron de desenvolver a intelixencia e o talento. A entrada será libre até completar o aforo.

Xornada de Portas Abertas e radio na rúa

O programa de actos completarase cunha Xornada de Portas Abertas o venres 13 de xuño. Nesa data convidarase aos centros educativos e a todo aquel que o desexe a visitar as instalacións da Radio Municipal de 9 a 14 e de 16 a 20h. E por último o venres 27 de xuño a revista radiofónica “Día a Día” farase en directo dende o Paseo da Corredoira.

Amais destas actividades concretas, ao longo de todo o mes na Radio Municipal de Tui iranse emitindo fragmentos de entrevistas e programas que conforman o arquivo sonoro destes quince anos.

Dende a Radio Municipal de Tui quérese facer unha invitación especial aos oíntes a participar en todos estes actos, xa que sen eles tampouco tería sido posible ter cumprido estes 15 anos.

Calendario

·

04/06/2008 Conferencia de Ángeles Caso no Teatro Municipal

·

Data por determinar Constitución do Consello de Goberno

·

13/06/2008 Xornada de Portas de Abertas de 9 a 14 e de 16 a 20h

·

20/06/2008 Acto institucional no Teatro Municipal

·

27/06/2008 Programa “Día a Día” en directo dende o Paseo da Corredoira