Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Programación para hoxe xoves do Playdoc

13/03/2008

Seis documentais na segunda xornada de Play-Doc

“Memorial de Camposancos” , “Bajo Juárez” e “A Fábrica de Botas” son tres dos títulos 

Mércores, 12 de marzo de 2008. Seis documentais é a proposta para mañá xoves de Play-Doc 2008, logo da súa inauguración esta tarde.   

As proxeccións comezan mañá ás 12.30h no Teatro Municipal de Tui con dúas pezas a concurso da sección de curtametraxes e de documentais galegas. Un momento no tempo” compite na sección de curtametraxes. Durante dez minutos Andreas Scheffer, o director desta produción alemá, achéganos a historia dun saltador de alta competición e de xeito paralelo preséntanos a nenos de 6 a 10 anos que se inician neste deporte.  En voz en off, un antigo saltador, cóntanos os seus recordos e sensacións. A cinta foi galardoada no Filmoffice de Bremen, e estivo outros festivais en Singapour, New York e Berlín 

A continuación, na mesma sesión das 12.30h, proxectarase o primeiro documental galego a concurso. Trátase de “Destino á Festa” de Jorge Algora que plasma en formato audiovisual tres xeitos de entender a festa en Galicia.  

Ás 16.30h cita será con “Memorial de Camposancos” de José Ballesta e Miguel Anxo Fernández, que compite na sección oficial de documentais galegos. Este traballo está a espertar moito interese xa que foi rodado na Guarda, a 30 quilómetros de Tui. Con imaxes reconstruíron a historia do vello colexio dos Xesuítas, na Pasaxe en Camposancos, durante a Guerra Civil Española, cando foi o maior campo de concentración de Galicia. Calcúlase que ata cinco mil presos republicanos poderían ter pasado polo recinto, entre 1937 e 1939. O documental é unha homenaxe a todos eles. 

A seguinte proxección será ás 18.30h “O papel non pode envolver á brasa” de Rithy Panh que compite na sección de longametraxes. Esta produción francesa presenta a vida dunha prostituta. Obtivo o Golden Fipa 2007 no Festival Internacional de programas audiovisuais en Biarritz. 

Play-Doc dedica este ano unha sección á Violencia e Xénero. Un dos títulos que forman parte da mesma é “Bajo Juárez, a cidade devorando ás súas fillas  de Alejandra Sánchez e Jose Antonio Cordero. Unha nai que perde a súa filla e unha traballadora da maquila son as protagonistas desta historia que traza círculos concéntricos entorno ao fenómeno de asasinatos contra as mulleres en Cidade Juárez. Proxectarase ás 20.30h. 

Pecha a programación de mañá xoves, na sesión das 22.30h, a segunda das películas de Lech Kowalski “A fábrica de botas”. O realizador independente segue a rutina dunha pequena fábrica artesanal de botas dun grupo de punks en Cracovia. 

As entradas para cada función póñense á venda, ao prezo de 2€, media hora antes da proxección na billeteria da Área Panorámica.