Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Programa da semana do libro e a lectura en Tui

14/05/2008

SEMANA DO LIBRO E A LECTURA

O MAR...

TUI

Biblioteca Municipal de Tui

Inauguración: Domingo 18 de maio ás 12:30

INAUGURACIÓN

Domingo 18 de maio ás 12:30

MIGALLAS. Canta connosco!

Unha mestura de cancións con accións dramáticas. Os temas que se tratarán son o coidado das mascotas; o consumismo na compra de xoguetes; a lectura como pracer fronte á TV e os videoxogos; a importancia da imaxinación; o xogo do teatro; cancións que axudan a estudar etc.

CLAUSURA

Sábado 24 de maio ás 12:30 h

TÍTERES CASCANUECES. A RÚA DAS PANTASMAS

A casa de María está sendo visitada polas pantasmas e ata o mismísimo Demo. Só co enxeño de María e as picardías de Xoanciño lograrán vencelas e desenmascaralas.

Obradoiros para nenas e nenos

Actividades concertadas cos centros de ensino

LUNS 19 de maio, 1º primaria

Obradoiro de plástica. OQO

O mar é un elemento presente nos poemas que o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2008, Xosé María Álvarez Blázquez, adicou á súa filla Colorín no poemario O QUE BEN CHE QUER. Neste obradoiro, nenos e nenas achegaranse á poesía a través da plástica, nunha actividade que busca a implicación activa dos máis pequenos no proceso creativo dun poema.

Obradoiro de monicreques. GALITOON

Nesta aula fomentarase un clima de comunicación e socialización entre os nenos/as que lles permita expresar emocións, sentimentos, ideas, pensamentos a través dun títere. Temos como obxectivo conseguir que o alumnado funcione con eficacia nunha situación comunicativa. Unha maneira de traballar este obxectivo está na dramatización a través dos títeres.

MARTES 20 de maio, 3º DE PRIMARIA

Obradoiro de danza. MERCEDES PRIETO

Embarcamos rumbo á ritmos galegos... ou non? As mareas de Galicia lévannos ao son de diferentes danzas; temos a tarefa de identificar as propias e bailar as doutras culturas. Neste obradoiro aprenderemos as diferenzas ou semellanzas entre a cultura e o baile tradicional galego e outras culturas e danzas do mundo.

Obradoiro de ilustración. MARISA IRIMIA

Destacada ilustradora do panorama galego que alén de amosarnos que hai un mar de maneiras coñecidas de ilustrar, demostrará que hai moitas outras co mesmo fin: que o pasemos ben debuxando e que vexamos un novo mundo a través da ilustración. O mar de recordos de cada un sairá flote nunha sesión onde se mesturan a fantasía, o xogo, a irrealidade e todo coa intención primeira de divertirnos.

MÉRCORES 21 de maio, INFANTIL

Obradoiro de CONTOS e cantigas. Servando Barreiro

Este obradoiro consistirá primeiramente en fornecer ao neno ou nena unha variada selección de contos e cantigas, algúns tradicionais e outros de autor, axeitados á súa idade para que mediante a participación nos mesmos e dando outros modelos, se animen a contalos e cantalas de forma diferente, ou incluso a elaborar outros orixinais, estimulando así a súa imaxinación e creatividade.

Obradoiro de monicreques. TÍTERES CASCANUECES

Calquera de nós quixo ser algunha vez outro: disfrazarse dunha personaxe que nos permita dicir e facer máis alá do cotián, como no entroido. Aquí poderedes comezar a desenvolver a vosa expresividade, o que levades oculto dentro e non coñecedes. E tamén o lado máis divertido da interpretación, aquel que nos leva aos territorios da infancia.

XOVES 22 de maio, 5º DE PRIMARIA

Obradoiro de música e romances. ANTÓN CASTRO

Neste obradoiro farase un percorrido polo cancioneiro da música tradicional galega, acompañado con instrumentos de uso cotián, e unha visión do traballo dos cegos no uso dos romances da música de rúa.

Obradoiro de expresión escrita. LUCÍA RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ

O mar é o espazo onde suceden as cousas, un espazo cheo de seres propios da nosa mitoloxía e persoas tan reais e auténticas como os nosos mariñeiros. Nel fusionarase a nosa historia, a realidade e a ficción, construíndo un mundo propio, un mundo diferente e único para cada rapaz e rapaza.

VENRES 23 de maio, 1º ESO

Obradoiro de teatro. CAROLINA RAMOS

Partiremos dunha historia de base popular para bucear no seu interior: explorar os seus personaxes, improvisar novas historias, representar usando os nosos corpos. En definitiva, todo isto para confirmar que o teatro é, ante todo, un xeito de pasalo ben.

Obradoiro de ilustración. TOKIO

Destacado ilustrador do panorama galego que alén de demostrarnos que hai un mar de maneiras coñecidas de ilustrar, demostrará que hai moitas outras co mesmo fin: que o pasemos ben debuxando e que vexamos un novo mundo a través da ilustración.

ACTIVIDADES COAS FAMILIAS.

Martes 20 de maio. 18.30 h.

Animación á lectura desde a casa.

Proposta para pais e nais de dinámicas de animación á lectura. Falarese da importancia de contarlles contos e lerlles desde as idades máis temperás como forma de estimular a imaxinación e de facer animación previa á lectura cos nenos e nenas. Tamén se dará unha orientación das lecturas máis recomendadas segundo as idades.

ACTIVIDADES ABERTAS AO PÚBLICO. A CONTAR!

De luns a venres ás 18.30 h.

Luns 19 de maio

Manolo Vázquez, de Berrobambán Teatro

As palabras máxicas para comezar a contar poden ser moi diversas; había unha vez, era que se era... Petaremos na porta da nosa cabeciña para liberar a imaxinación e sulcar os mares de historias que Manolo nos ten preparadas.

Martes 20 de maio

Marisa Irimia

O mar de recordos de cada un sairá a flote nunha sesión onde se mesturan a fantasía, o xogo, a irrealidade e todo coa intención primeira de divertirnos.

Mércores 21 de maio

Servando Barreiro

Este contador e animador demostraranos como os contos, ademais de contalos, se pode cantalos. Só fai falta imaxinación e ganas de pasalo ben. Animádevos a descubrir outro xeito de oír contos.

Xoves 22 de maio

Charo Pita

Charo Pita, unha brionesa nova, narradora e escritora, inspírase para crear os seus contos no mundo que a rodea, empregando “a cabeza e a libreta” para a escritura e “a equipaxe que levamos dentro” na transmisión oral. As historias narradas pretenden entreter e facer pensar, divertir e advertir.

Venres 23 de maio

CHUS FERRÍN

Desta vez, esta contadora e ilustradora vainos demostrar que detrás dun bo conto moi a miúdo hai unha grande imaxe e tamén que con imaxes se poden contar grandes contos. Atrevédevos a vir ver como se debuxan as historias!

Actividades para o profesorado

DE LUNS A VENRES DE 18:00 A 20:00 H.

* Solicitada a homologación á Consellaría de Educación por 10 horas lectivas

LUNS 19 de maio. Obradoiro de ilustración.OQO.

Novas formas de mirar: arte e álbum ilustrado. Neste obradoiro faremos un achegamento á historia e evolución da ilustración para nenos e nenas. Realizaremos unha análise das distintas técnicas e estilos de ilustración (colaxe, acrílico, fotomontaxe, escultura...), así como da narración e das metáforas visuais das imaxes presentes nos libros a partir de ilustracións de distintos libros de OQO. Achegarémonos tamén ao decálogo das funcións da imaxe no álbum ilustrado e veremos como o álbum pode a primeira visión da arte. Cada libro converterase nun pequeno museo.

MARTES 20 de maio. Obradoiro de danza. Mercedes Prieto

Vai ser unha función de varios contos, uns tradicionais e outros de autor, algún poema e varios cantos acompañados de “instrumentos peculiares”, todo isto dentro dunha única historia. Haberá un apéndice de Romances de Cego, que é outro xeito de contar historias. E propoñémosvos dar uns pasiños de baile...

MÉRCORES 21 de maio. Obradoiro de escritura creativa. Marta Dacosta.

Deixamos voar o noso inxenio e imaxinación permitindo aos nenos e nenas ser os protagonistas das súas historias e fomentando a súa creación artística. Alcanzamos o obxectivo de que sexan eles mesmos os creadores, os que dotan de características, os que dan forma ás persoaxes e ás historias, elaboran os contextos e as realidades ...

XOVES 22 de maio. Obradoiro de música. Antón Castro.

A música é unha das artes que máis logra conmovernos. Sentimos as súas emocións desde pequerrechos até que somos moi vellos. Porén, o goce pleno da música non fica acotío ao alcance de todos e todas.

VENRES 23 maio. Carolina Ramos.Teatro.

Os obxectivos deste obradoiro son variados pero todos tendentes ao facilitar recursos didácticos de utilidade: dinamizar a lectura adquirindo recursos dramáticos, proporcionar ao alumnado unha maior comprensión do lido e sobre todo, potenciar a imaxinación para facer análises completas de obras... e da realidade.

PARA INSCRIBIRSE NO CURSO DO PROFESORADO E NOS OBRADOIROS DO ALUMNADO:

AS-PG: informacion@as-pg.com

981-278259

A matrícula no curso do profesorado será por rigorosa orde de inscrición até encher prazas.

Exposicións Permanentes

Exposición de libros cedidos polas editoriais

Entre os mares e mareas de libros sempre está esperando, baixo algunha onda, o libro da nosa vida, aquel que nos arrastra, que nos fai percorrer mundos descoñecidos, que nos cautiva: o noso libro. Ven navegar con nós nesta semana dos libros, tócaos, míraos, xoga con eles e descubrirás... un mar de sensacións.

Exposición de ilustradoras e ilustradores

- O rato solteiro. OQO

- Vai de mar. Galix

- O camiño de Anxo. Anxo Fariña

- 12 ilustracións para 12 libros. Gabriela Rubio

- Galiza en Negro e Azul. AS-PG

- Xabier P. Docampo, tecedor de contos.

Para complementar as historias sen dúbida o aliado ideal é unha boa imaxe. Ven visitar estas exposicións e descubrirás canto dá de si esta mestura ideal

Exposición de materiais elaborados por alumnos e alumnas.

Os materiais das exposicións son o froito dos soños de nenos e nenas. Traballaron arreo para ofrecernos e deleitarnos con cores, formas, tamaños, texturas nas que se recolle un esforzo por contar, eles, a súa pequena historia. A través das súas historias achégannos ao mundo, á súa maneira de ver o noso mundo, por un día. Non deixedes de escoitar todo o que nos teñen que comunicar.

Horario de visitas ás exposicións: durante a semana permanecerán abertas de 10 a 14 h. para os centros de ensino, e de 17:00 a 20:00 para o público en xeral