Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Preto de 2.000 persoas participaron nas actividades da Semana da Ciencia en Tui

21/11/2006

PRETO DE 2.000 PERSOAS PARTICIPARON EN TUI NAS ACTIVIDADES DA “SEMANA DA CIENCIA”

1.300 persoas visitaron a exposición “O mundo na túa cabeza” e 500 rapaces asistiron o pasado venres a obra de teatro

Cunha participación que os organizadores non dubidan de cualificar como exitosa clausurouse onte a exposición “O mundo na túa cabeza. Estás seguro do que ves?” que estivo aberta na nosa cidade dende o pasado venres 3 de novembro dentro dos actos da “Semana da ciencia”. Un total de 1.300 persoas visitaron a exposición ao longo destes días, tanto grupos de alumnos dos diversos centros educativos de ensinanza primaria e secundaria de Tui como visitantes individuais que se achegaron a esta mostra de divulgación científica.
Por outra banda, foron 500 os rapaces que asistiron o pasado venres ás representacións da obra de teatro “Silencio, cerebro, acción” dirixidas ao público infantil no Teatro Municipal. Na obra Rigoberto, un alumno díscolo pero curioso, descubre a estrutura e a función do cerebro, pero dun xeito divertido mediante xogos e música de rap.

Outras actividades realizadas foron o obradoiro para nenos, celebrado o sábado 11 de novembro, no que participaron máis de cincuenta rapaces de entre 8 e 11 anos, que experimentaron de forma divertida e interactiva distintas cuestións arredor do funcionamento do cerebro e do sistema nervioso.

Finalmente lembrar a conferencia pronunciada polo profesor da Universidade de A Coruña, Casto Rivadulla, titulada “Estás seguro do que ves?” na que realizou un percorrido polo funcionamento da percepción no cerebro humano e que contou cunha asistencia superior as corenta persoas.

En consecuencia, foron preto das 2.000 persoas as que participaron na nosa cidade nas actividades programadas co gallo da Semana da Ciencia e organizadas pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello de Tui.

Para Moisés Rodríguez Pérez, concelleiro de Cultura tudense, esta alta participación amosa o interese suscitado polas actividades e o acerto da Dirección Xeral de I+D+i á hora de descentralizar as actividades da Semana da Ciencia por diversas localidades de Galicia que, como no caso do Tui, puideron realizar este achegamento ao mundo da ciencia.

A semana da ciencia estivo dedicada este ano á “neurociencia” tendo como obxectivo achegar aos cidadáns os segredos do cerebro e do sistema nervioso. Esta Semana da Ciencia celébrase simultaneamente en toda Europa e tenta sensibilizar ao gran público sobre a importancia da ciencia e pretende facernos reflexionar sobre a evidencia de que vivimos rodeados de ciencia e da importancia que ten esta para acadar o progreso e o benestar social. Outros obxectivos da Semana da Ciencia son difundir a investigación que se está a realizar en Galicia, abrir ao público os espazos reservados á ciencia, facer da ciencia e da tecnoloxía unha materia atractiva para o cidadán de a pé, incentivar a participación dos cidadáns nas cuestións científicas e espertar vocacións científicas entre os máis novos.