Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentado o Seminario Internacional "125 anos da Ponte Internacional" a celebrar este venres e sábado

15/03/2011

PRESENTADO O SEMINARIO INTERNACIONAL SOBRE OS 125 ANOS DA PONTE INTERNACIONAL E AS RELACIÓNS TRANSFRONTEIRIZAS A CELEBRAR EN TUI E VALENÇA ESTE VENRES E SÁBADO

Organizado pola Aula da UNED de Tui

 

Martes, 15 de marzo de 2011. Esta mañá tivo lugar en Tui a presentación do Seminario Internacional “125 anos da Ponte Internacional, unindo xentes, territorios e culturas” que organizado pola Aula da UNED de Tui, co patrocinio do Concello de Tui e da Cámara Municipal de Valença, desenvolverase este venres e sábado nestas cidades fronteirizas, comunicadas por este ponte que agora celebra os 125 anos da súa inauguración.

 

Participaron neste acto Ana Isabel Vázquez Reboredo, secretaria do Centro Asociado da UNED de Pontevedra, xunto ao concelleiro de cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez e un dos coordinadores do Seminario, Rafael Sánchez. Salientaron nas súas intervencións o alto interese deste encontro que reúne un amplo abano de relatorios e comunicacións que abordarán o estudo desta ponte metálica e das relacións entre Galicia e Portugal que atopan nesta obra de enxeñería o seu mellor símbolo.

 

Rodríguez Pérez agradeceu á Aula da UNED de Tui o esforzo na organización deste Seminario que reunirá en Tui a prestixiosos especialistas e investigadores convertendo, nunha nova oportunidades, como hai 125 anos, ás localidades de Tui e Valença en protagonistas das relacións transfronteirizas luso galaicas. Neste sentido o concelleiro de cultura tudense animaba aos veciños e veciñas de Tui e Valença a asistir as sesións académicas deste Seminario pois en contadas oportunidades estas cidades teñen acollido un encontro destas características multidisciplinares. Finalmente, o concelleiro tudense valoraba o esforzo que a Cámara de Valença e o Concello de Tui realizan na organización deste Seminario que forma parte do amplo programa de actividades organizado conxuntamente para conmemorar estes 125 anos da Ponte Internacional.

 

As persoas matriculadas neste Seminario terán recoñecido con un crédito de libre configuración e 0,5 créditos ECTS, estando en trámite os eu recoñecemento pola Consellería de Educación. As persoas interesadas poden realizar xa a súa inscrición por un importe de 40,00 euros neste Seminario a través de : http://www.extensionUNED.es/actividad/2413 , esta inscrición da dereito a obtención do correspondente título. Pero a asistencia ás sesións deste seminario é libre e gratuíta para todos os interesados.

 

Nas sesións deste Seminario está prevista a participación como relatores de Luís Domínguez, director da cátedra da Eurorrexión da Universidade de Vigo, Carlos Nardiz Ortiz, catedrático da ETS de Enxeñeria da Universidade da Coruña, María Rita Jardím do Museu Nacional Ferroviario de Lisboa, Lourdes Montero Mesa, catedrática de didáctica da Universidade de Santiago de Compostela, Albino Prada Blanco, profesor da Facultade de Económicas da Universidade de Vigo, Marta Cendón Fernández, profesora de arte da Universidade de Santiago de Compostela, e Pedro Nuno Meda Magalhães da Associação Portuguesa Amigos do Caminho de Ferro.

 

Completan o programa un total de 17 comunicacións artelladas en catro mesas redondas a celebrar ao longo destas xornadas, nas que participaran profesores universitarios, investigadores e especialistas en diversas materias vinculadas ás relacións luso-galaicas. As sesións deste Seminario terán lugar o venres 18 de marzo no Salón de Actos da Aula da UNED de Tui, no antigo convento de San Domingos, namentres que o sábado 19 as sesións terán lugar no auditorio da Cámara Municipal de Valença do Minho.