Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentado o libro “Ciudades de Sefarad. Destinos de la Red de Juderías de España”

10/06/2022

Conta cun capítulo dedicado ao patrimonio xudeu de Tui

O Centro Sefarad-Israel de Madrid acolleu hai uns días a  presentación pública do “Ciudades de Sefarad. Destinos de la Red de Juderías de España”, escrito por Alejandra Abulafia, que vén de editar a Red de Juderías de España. Durante a presentación a autora estivo acompañada de Juan Pérez Guerrero, alcalde de Lucena e presidente da Red de Juderías de España, e de Marta Puig, directora xerente da Red de Juderías

A obra percorre o patrimonio sefardí que podemos atopar nas 21 cidades que forman parte da asociación.  Esta publicación conta cun capítulo dedicado á cidade de Tui, cunha axeitada descrición da patrimonio xudeu tudense, dos seus principais expoñentes acompañado dun deseño axeitado e imaxes que nos achegan á singularidade da nosa cidade.

A autora sefardí, Alejandra Abulafia, nada en Uruguai, chegou a España cunha mochila ás costas buscando as súas orixes. O libro supón para ela a emoción de constatar que a Sefarad que recordaba a súa avoa  existe e podemos visitala a través de belas cidades que conservan o seu legado, sinalizado e visible. “Sefarad xa non é unicamente unha emoción, un recordo ou un soño: este libro conecta coa Sefarad máis real”, explicaba Abulafia.

Este libro súmase ao xa publicado pola Red de Juderías “Sabores de Sefarad – Secretos de la gastronomía judeoespañola” nun proxecto que recolle os diferentes aspectos do legado material e inmaterial das nosas cidades..

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, esta publicación, primorosamente editada, contribúe moi eficazmente á difusión do legado patrimonial xudeu da cidade de Tui e dos recursos culturais e turísticos tudenses, que deste xeito reforza o seu posicionamento. Para o rexedor tudense, “a Red de Juderias realiza un gran labor de recuperación do noso pasado sefardí para que forme parte do noso futuro, pois contribúe eficazmente como unha oportunidade de desenvolvemento económico, de incremento da oferta turística e de diferenciación do destino Tui”.

“Ciudades de Sefarad. Destinos de la Red de Juderías de España” está dispoñible na tenda online de https://redjuderias.org.